Apuntamentos de Jakob Littner desde un burato no chan, de Wolfgang Koeppen

 

Wolfgang Koeppen

Apuntamentos de Jakob Littner desde un burato no chan  (tradución de Eva Almazán)

Rinoceronte, Cangas, 126 páxinas, 14 euros

 

Rinoceronte recupera a figura de Wolfgang Koeppen (1906-1996), un escritor que entre nós traspasaría as estremas do anonimato cunha triloxía que retratou a Alemaña da posguerra con sagacidade, pesimismo e enxeño. Malia todo, talvez sen procuralo, a estes Apuntamentos… coubéronlle a honra, e seica a responsabilidade, de converterse na primeira manifestación do que se chamou “literatura do Holocausto”.

    Resulta, asemade, curiosa a intrahistoria ou peripecia “autorial” da mesma pois editada en 1948 nunha casa editorial que axiña quebraría, presentouse como un texto orixinal de Koeppen, inspirado nas lembranzas que Littner compartira en sesións de conversa con el.
Anos despois demostraríase que o autor traballou sobre un manuscrito do protagonista da obra, que era moi deficiente na forma e que el mellorou.

    A narración vai alén do valor documental intrínseco pois está construída cunha inusual sutileza e sobriedade. Nela agroman as vivencias do devandito Littner, un xudeu acomodado de Múnic, desde que o deteñen na súa casa para logo ser deportado a Polonia, até a súa liberación en 1944, saíndo dun soto no que vivía agochado coma unha toupa acurralada tras lle pagar a un aristócrata polaco sen recursos. No medio espantos e experiencias arrepiantes expostas con gran brillantez literaria.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 24 de decembro de 2011, baixo o título de “Memoria do holocausto”.