Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González

 

Xurxo Martínez González

Luís Soto. A xeira pola unidade galega

Xerais, Vigo, 2011, 240 páxinas, 18 €

Lin, hai xa algún tempo, e teño que dicir que con moito interese, o que se presentaba como un traballo biográfico arredor da figura de Luís Soto, personaxe que sempre me interesou desde aquel -xa histórico- libro de memorias que publicara Edicións Xerais nos tempos de Luís Mariño, se non estou errado. Por outro lado, nos últimos tempos, a figura de Luís Soto converteuse para min nunha referencia que sempre aparecía, tanto ao achegarme a Manuel Luís Acuña -con quen compartiu labores organizativos no seo da A.T.E.O. ourensá e, en xeral, no ámbito da docencia republicana sindicada-  como a Celso Emilio Ferreiro, con quen mantivo lazos de intensa amizade e a quen os vinculou unha mutua colaboración política durante moitos anos.  A forte personalidade de Soto e o seu intenso traballo a prol da nosa singularidade identitaria, vertebrado no desenvolvemento dunha intensísima actividade de carácter político, coido que quedan extraordinariamente reflectidos neste libro dun xove investigador que se manexa con solvencia nestes ámbitos da esculca e interpretación dunha figura que até hoxe resultaba dolorosamente desatendida pola investigación.

   Velaquí, así pois, contida e case diría que esencializada, a memoria dunha vida de acción alicerzada na idea de compromiso político con Galicia, onde se devorca unha apreciable cantidade de información e documentación inédita que vai desde os primeiros días de Soto,  pasando polas innúmeras actividades políticas na II República e na posguerra ata o seu pasamento. Socalcos biográficos entre os que salientan as iniciativas que protagonizou no seo do Consello de Galiza, no Padroado da Cultura Galega en México, na revista Vieiros ou nas fundacións de dúas institucións políticas como foron a UPG e o PGP.

    Un anaco da nosa historia política e cultural arestora máis próximo mercé ao rigoroso traballo de Xurxo Martínez. Parabéns.