Celso Emilio Ferreiro: novos achados

A cinco días da que se presenta como unha celebración case cabalística do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro -derradeiro de sete irmáns, naceu ás catro da tarde do día catro de xaneiro de 1912, un día no que a súa nai, Obdulia Miguez Buján lle dixera que  “o día que ti naciches / houbo estranas sinales no ceo”-, as páxinas de información cultural de La Voz de Galicia recollen, como achega previa á data de celebración, dous poemas como limiar dun artigo máis longo que aparecerá mañá publicado no suplemento “Culturas” do mesmo xornal baixo o título de “Descubrir o iceberg Ferreiro”. Un dos poemas é, na realidade, non compilado, e pódese consultar aquí e o outro é radicalmente inédito, tirado dun “Libro de Notas” de Celso Emilio e que  reproduzo abaixo. Ao tempo Xesús Fraga, a quen lle agradezo o seu traballo, recolle algunhas das ideas que me suxeriron os dous poemas e que deixo aquí.

Mozo

Sai a rúa,

vai ós sindicatos,

asiste ós mitines,

forma nas manifestaciós,

insulta ás autoridás,

gaba á revolución cubana,

dalle vivas ó Che,

mais, por favor,

non lle chames “masa”

ó que é pobo.

           Celso Emilio Ferreiro (circa 1970)