Participo da idea de que un pobo que non honra a memoria dos seus escritores, que non espalla os valores que a súa achega supuxo leva camiño de perder a memoria de si mesmo. Por iso entendo como acaído que este novo ano que xa case asoma a cultura galega vaia centrarse en dous poetas que son símbolo do noso pasado máis recente: Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, irmandados os dous por protagonizaren, respectivamente, o Día das Letras o primeiro e o mais o Centenario do nacemento o segundo. Ambos os dous personaxes exhiben un perfil que vai alén do estritamente literario o que posibilita afondar nas vizosas vertentes de actuación cultural, xornalística ou política que representan. Respecto de CEF, ademais, cómpre non perder de vista que tamén se conmemoran, neste 2012, os cincuenta anos da primeira edición de Longa noite de pedra.
UN POETA RECOÑECIDO?
Alén dunha homenaxe que se lle tributou na súa vila natal, por volta dos anos cincuenta, con escasos documentos testemuñais, da que se lle rendeu en Pontevedra cando abandona a cidade para radicarse en Vigo no ano 1949 e a que tivo lugar en maio de 1966 nos baixos do Hotel Roma de Ourense, derivada da decisión de autoexiliarse por mor das duras circunstancias que o rodeaban, entre as que a persecución policial non era a menor (un banquete considerado como a primeira manifestación pública de oposición ao franquismo na posguerra ao acoller as reivindicacións dos labregos polo asolagamento do val de Castrelo de Miño), non sei de ningún outro recoñecemento que CEF recibira en vida, máis ou menos colectivo e á marxe do que lle puideran tributar pequenos círculos de amigos. Resulta rechamante en alguén que levou a cabo un intenso labor por Galicia en moitas e distintas ordes e, aínda máis cando, desde a súa morte para acó, foron e son torrenteira os recoñecementos dedicados á súa memoria. Non se cumpriu a sentenza que se recolle nunha nota final do epitafio de Ben-Cho-Shey e que de certo CEF asumiría: “Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”, mais ese “lume que alampea xamais o veredes morto” que se consigna no seu epitafio semella ser profético.
Pouco podía facer CEF para impedir o rodopío de gabanzas, tamén de ataques e dalgúns infundios, que se desatou desde aquel 31 de agosto de 1979 no que falece subitamente. Ninguén podería deter o abouxador eco mediático en forma de noticias, obituarios ou artigos de opinión na prensa galega e española, mais tampouco ese cadoiro de recoñecementos, fosen estes institucionais ou, os máis, procedentes doutros ámbitos. Na cidade de Vigo, aos poucos días do seu falecemento, a Escola de Verán artella con urxencia unha mostra hemerográfica e mais un acto presentado por Modesto Hermida no que disertan Xesús Alonso Montero, Antía Cal, Xosé Sesto, os cantautores Benedito e Emilio Gregorio, finalizando cunha representación teatral a cargo do grupo “A Farándula” .
Esta foi só a primeira homenaxe, pois cataloguei máis de dez actos, celebrados en Vigo, Cádiz, Barcelona, Redondela, Madrid ou Pontevedra en apenas dous meses ata o chegar ao día 28 de outubro cando recibe un recoñecemento multitudinario no pavillón compostelán do Polideportivo de Sar, de dimensións semellantes ao que se lle tributou en Madrid o 3 de novembro dese 1979.
Nos oitenta ese lume que alampea non esmoreceu, redimensionándose coa celebración do Día das Letras Galegas no 1989, malia non cumprirse os dez anos de regra que os estatutos da RAG impuñan como necesario. E nesta liña cómpre lembrar o ocorrido no ano 2004 no seu vinte e cinco cabodano. Neste ronsel é no que se debe situar o vindeiro 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro: privilexiar un escritor que, sobre todo, cómpre ler e reler, moito máis nestes tempos.
UNHA HOMENAXE , POR QUE?
E el sería precisa esta nova vaga –conxecturo- de recoñecementos á obra e á figura de CEF? Sen dúbida. Malia os actos, de filiciacón institucional ou non, que neste espazo de trinta e tres anos se viñeron sucedendo, o certo é que aínda hai tanto o traballo por facer, no que se refire á catalogación dos seus fondos, á divulgación da súa obra ou á investigación dos seus diversos perfís, que teño a firme convicción que será ben difícil que neste ano se esgote todo o que arredor da súa obra ou da súa personalidade se poida dicir.
Sempre acreditei que unha personalidade como a súa, dominada polo vitalismo, mais tamén pola rotundidade nas opinións e a sólida convicción seus posicionamentos ideolóxicos, demandaba un asedio que perseguise clarexar socalcos biográficos que aínda aboian nese espazo do ruxerruxe ou da indeterminación. Fóra dunha biografía, de carácter fundamentalmente literaria, que asinou no seu día quen foi o seu amigo e promotor Xesús Alonso Montero, na editorial Júcar, e de achegamentos máis ou menos puntuais entre os que salienta un libro de conversas suscrito por J.A. Perozo e Mª X. Porteiro, o certo é que carecemos –andazo estendido a tantos autores de noso sistema literario- dun exercicio biográfico que, sen esquecer a faceta creativa non desatenda outros perfís e mais as circunstancias nas que tivo que vivir, as polémicas nas que se viu envolto, o compromiso político que adquiriu, as razóns das rupturas persoais que nalgunhas ocasións sufriu ou como arrostrou as dificultades e situacións delicadas, que non foron poucas, nas que a vida o puxo, antes e despois da guerra.
CEF, é doado deducilo, viviu a vida con intensidade, nunca evitou decantarse e isto provocou que estivese en moitas ocasións no ollo do furacán. Se cadra chegou xa o tempo de internarse con curiosidade polos camiños que percorreu acudindo sempre ás fontes orais cando estas existen, ás fontes documentais cando se conservan. Nese labor particularmente transitei nos últimos anos e desde esa instancia creo que aínda hoxe coñecemos talvez unha parte moi pequena, só ese vértice dun iceberg que foi aflorando aos poucos, e que chamo Celso Emilio Ferreiro.
Queda por facer aínda moito máis: proxectar internacionalmente a súa poesía, rescatar prosas aínda dispersas en numerosas cabeceiras, a edición dun epistolario que considero un auténtico patrimonio pola súa riqueza e importancia documental -tamén porque é clave para coñecer máis intimamente ao home, quen foron os seus auténticos amigos, a quen recorría cando o precisaba e como foron os “traballos e os días” tal e como dicía o seu amigo X. Mª Álvarez Blázquez-; queda a edición de textos aínda descoñecidos –boa proba diso son os poemas rescatados neste xornal hai poucas datas, os dous de inusitada modernidade- e, sobre todo, hai moito que facer para teimar na popularización e divulgación da súa obra literaria, axudándose desas innumerables versións musicadas dos seus poemas. Iceberg Ferreiro, para este 2012.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 31 de decembro de 2011, véspera do comezo do Ano Celso Emilio Ferreiro. Compleméntase con outro arredor da súa obra literaria, a que é máis accesible hoxe, que incorporarei proximamente á bitácora.