Celso Emilio Ferreiro: 100 poemas en Celanova

Vía Ouvirmos:

Comeza o Ano Celso Emilio Ferreiro!! Este 4 de xaneiro de 2012 cúmprense cen anos do nacemento do grande poeta celanovés, e Ouvirmos vai colaborar co Concello de Celanova nos actos de conmemoración co deseño de varias iniciativas.

Unha delas é “Cen poemas en Celanova”, unha interesante proposta que, a través da poesía de Celso Emilio, quere reforzar o vínculo entre o escritor e os habitantes da súa vila natal. Lévamos a voz de Celso Emilio á rúa coa selección de cen estrofas de cen dos seus poemas que se exhibirán nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova durante todo o ano 2012.

Deste xeito, calquera persoa, incluso aquelas que non acuden normalmente aos circuitos culturais convencionais, poderán ler a poesía de Celso Emilio.

Os cen poemas son tamén a base dun xogo literario dirixido aos escolares que visitan a Casa dos Poetas de Celanova. O reto que se lles propón é a localización nos escaparates da vila do coñecido poema “Longa noite de Pedra”.

As estrofas deste poema son parte das cen estrofas seleccionadas que estarán nos establecementos de Celanova, e os participantes do xogo terán que atopalas.

Contarán cun mapa, a modo de mapa de metro, para guiar o seu percorrido por Celanova, e cando localicen unha das estrofas de “Longa noite de pedra” terán que pedir ao establecemento correspondente que lles sele o mapa, até completar as cinco estrofas do poema.

Vía Caderno da crítica: as estrofas seleccionáronse por quen isto escribe, de xeito que espero que sexan operativas para difundir a obra poética de CEF.