O soño sulagado (1954)
Primeiro libro en lingua galega tras o clandestino Voz y voto. Nel repousan, con afán totalizador, as preocupacións ás que lle deu forma poética e polas que transitou dese momento en diante: a reivindicación e a intención belixerante, os poemas abeirados á dimensión máis íntima e sentimental e aqueloutros que, aínda timidamente, xa deixan asomar o aguillón sarcástico e mordaz que centrará en exclusiva outros poemarios como as Cantigas de escarnio e maldicer ou Cimenterio privado.
Longa noite de pedra (1962)
Cúmprense no 2012 cincuenta anos desde a súa aparición na colección Salnés, vinculada on Galaxia. O poemario non se reeditaría ata que ve a luz unha edición bilingüe, no selo catalán de El Bardo, en tradución de Basilio Losada. A consecuencia máis inmediata deste libro sería a súa proxección do autor como un dos poetas máis salientables do ámbito peninsular do momento. Poucos libros coma este no século XX: crónica poética dun tempo, pero operativa e chea de validez aínda hoxe.
Viaxe ao País dos Ananos (1968)
Recibido no seu día con certa polémica, CEF vén de experimentar en carne propia a persecución á que o somete unha nova directiva da Hermandad Gallega de Caracas, onde traballaba nunha sorte de autoexilio e da que foi expulsado. O poemario agroma destas vivencias e, alén de ser unha resposta a certa emigración logreira, nel encérranse grandes achados poéticos sobre a propia existencia e o intimismo.
Poesía galega completa (2004)
No ronsel de proxectos compilatorios semellantes como os que se efectuaron en Akal ou Sálvora, no ano 2004 reuniuse a práctica totalidade da súa obra poética en lingua galega. Nela, alén de poder atopar libros como Onde o mundo se chama Celanova (1975) incorpóranse poemarios de difícil acceso como o cartel de cego Paco Pixiñas (1970) e un feixe de composicións inéditas que completan o seu percorrido poético creativo.
Obra narrativa (2003)
Como creador percorreu tamén outros xéneros e no da prosa non se moveu con desacerto. Reúnense neste volume as dúas incursións que realizou baixo o título de A fronteira infinda (1972), unha colección de innovadores relatos, e mais A taberna do galo (1979), unha sorte de crónica ficcional de saibo celanovés, primeira parte dun proxecto máis ambicioso no que traballaba cando a morte o sorprendeu.
Crónicas, semblanzas e artigos (2005)
De non termos un coñecemento, malia que sexa parcial, do apreciable labor que desenvolveu desde mozo ata a véspera da súa morte en diversos soportes xornalísticos, tampouco se terá unha idea cabal das dimensións da súa achega intelectual e literaria. Neste volume recóllense, nunha pequena pero substantiva parte, crónicas, contos e diversos artigos. Un primeiro paso para un traballo aínda pendente.
Estas fichas, baixo a orientación de ofrecer unha concisa información sobre a obra accesible na actualidade de CEF, complementaron o artigo “Descubrir o iceberg Ferreiro” e publicáronse igualmente no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 31 de decembro de 2011.