Celso Emilio Ferreiro. Unha voz indignada e clarividente no Día do Centenario

Hoxe é día 4 de xaneiro, hoxe faría cen anos Celso Emilio Ferreiro. Deixounos, amais dun percorrido vital apaixonante,  un marabilloso herdo literario do que debemos sentirnos orgullosos. Son da idea que a mellor homenaxe é lelo e relelo. Lelo quen non o coñeza; relelo porque sempre se redescobren ángulos e visións sorprendentes. O meu recoñecemento particular déixoo neste artigo que aparece hoxe na edición en papel das páxinas de “Cultura” de La Voz de Galicia. Grazas e bo ano Ferreiro.

Corría o ano 1967 e CEF exercía como director do boletín Irmandade, no seo da “Hermandad Gallega” de Caracas, da que acabaría, para a súa honra, sendo expulsado. O seu labor ía alén do  cultural e nos editoriais da publicación espallaba, cun “gulliveriano” e infructuoso afán didáctico, unha doutrina de mínimos que nunca sería entendida. Nun número desa revista afirmaba: “Sentirse galego por enriba de todo, non é tomar partido na
política. É tomar partido por Galicia. Amar á nai que nos deu o ser, non é política (…). A Galicia non a inventamos nós. Está inventada pola historia dende fai moitos séculos”. Reflexións deste xorne non só nin sequera chegaron a inmiscirse no ámbito da dialéctica pois pola contra usáronse como arma para sometelo a persecución.

         E Ferreiro reaccionaba co que podía, isto é, coa poesía. As circunstancias anteriores espelláronse no Viaxe ao país dos ananos, nunha parte substantiva centrado na denuncia a unha parte da colectividade emigrada; mais penso tamén na resposta que ofreceu ás
vivencias que se translocen nos poemas de Longa noite de pedra, experiencias moi  dilatadas no tempo pois aí están desde as sufridas na guerra civil ata os chamados eufemisticamente vinte e cinco anos de paz. A ollos de hoxe estes poemas gozan dunha vixencia e actualidade raiana no profético, o que non resultou nunca excluínte co exercicio dunha poesía que soubo achegarse, exemplarmente, ao amor, á sátira e ás claves da existencia humana.

         Á rotundidade das súas conviccións, uníuselle a claridade da súa voz e o seu talento creativo. Os resultados velaquí están, os dun poeta que se reconverte, cen anos despois, de labrego no tempo dos sputniks a  voz indignada e clarividente.