Isaac Díaz Pardo, memoria de nós

Escribiuse e falouse moito hoxe sobre Isaac Díaz Pardo e se cadra é algo que só acaba de comezar. Difundíronse ángulos da súa personalidade e mais do herdo que nos deixa como nunca se fixera, agora que faleceu. Talvez sexa lóxico pero tamén é doloroso porque con el marcha unha parte substancial da Galicia do século XX e desta parte do XXI,  malia que el sempre teimara, co exemplo, na relevancia dos camiños que levan a recuperar a memoria.

Gustábame del a súa modestia, tan rara en todos os tempos. Lin sempre as súas declaracións con interese e atención e achei a súa presenza, case sempre nun procurado segundo plano,  en cartas, fotos e documentos que son esenciais para entender de onde vimos. Mirando para as letras galegas, o seu labor como editor desde Ediciós do Castro é un patrimonio que serviu para difundir autores como Curros, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas e tantos outros en tempos que non eran fáciles; e que dicir desa serie de “Documentos para a historia contemporánea de Galiza” que só alguén como Díaz Pardo podía idear e, o que era máis difícil, pór en práctica. Por todo iso, sen dúbida, Isaac era e será memoria de nós.

Sei que hai xente especialmente triste e abatida pola súa desaparición. Esoutra familia composta polas amizades máis próximas e por quen traballaron con el no IGI e noutros proxectos. Por iso dedico este apuntamento ao meu amigo Alfonso Mato, creo que nesa foto de Elías Cueto un pouco máis adiante de Isaac; para el a miña solidariedade, neste caso, pola ausencia e o baleiro.