Longa noite de pedra, edición bilingüe galego-castelá

Este centenario de Celso Emilio Ferreiro posibilita a materialización dun proxecto había moito tempo acariñado e que, sen a colaboración da Fundación CEF, que sempre animou o proxecto; de Edicións Xerais, que cede os dereitos para a tradución  e  de Auga Editora, que o fai realidade, nunca podería ver a luz. O obxectivo da publicación, unha nova edición bilingüe dun dos libros claves da nosa poesía, alén de render un recoñecemento ao que Longa noite de pedra significa desde hai xustamente agora cincuenta anos, cando viu a luz inicialmente na colección Salnés de Galaxia, pretende revitalizar, na medida das súas posibilidades, a presenza de CEF fóra de Galicia.

    Foi un privilexio traballar co obxectivo de difundir a obra de Celso Emilio Ferreiro a través desta tradución ao castelán, que conta cunha introdución para o lectorado non galego co propósito de reparar, con brevidade, na importancia do libro e de quen o escribiu. Para min é unha honra poder unirme á nómina de tradutores da poesía de Longa de noite de pedra ao castelán, que van desde Basilio Losada, pasando por Vicente Araguas ata Penélope Pedreira e Moisés R. Barcia. O requintado desa edición, que con tanto coidado traballaron Mercedes Pacheco e mais Xosé A. Perozo, alén do gran traballo da ilustradora María Lires,  fan que un se sinta moi satisfeito desta nova aventura ferreiriana. Desde aquí a miña gratitude ao grupo de persoas que, unidas baixo esa luz que proxecta a figura de Celso Emilio Ferreiro, fixeron posible esta publicación.