15-M. O pobo indignado, de Alfredo Iglesias (coord.)

 

Alfredo Iglesias (coord.)

15-M.O pobo indignado

Laiovento, Santiago, 224 páxinas, 17 euros

Foron numerosos, neste ano que conclúe, os ensaios que afondaron no que supuxo o movemento 15-M. Os máis deles, entre nós, chegaron a través de traducións como o Indignádevos de Stéphan Héssel. Con todo,  botábase en falta unha achega como esta que pon en circulación un feixe de estudos analíticos, opinións e valoracións sobre o movemento. Un volume parello a esoutra colectánea que veu da man de Marcos P. Pena baixo o título de A praza é nosa, publicado hai pouco 2.0 Editora

    O pobo indignado, así pois, estrutura os seus contidos baixo unha ordenación tripartita. No primeiro bloque, con textos subscritos por Xosé M. Beiras, Francisco Sampedro, Xavier Vence, Teresa Moure, Fermín Bouza e David Rodríguez entre outros, ofrécese unha ollada analítica, exhibindo diversas perspectivas sobre o movemento, non sempre marcadas pola tonalidade aquiescente pois tamén emerxen voces críticas ao movemento ou á súa evolución posterior. Nun segundo apartado condénsanse discursos ou reflexións desde as instancias do activismo a cargo doutros analistas entre os que se atopan Carlos Taibo, Lídia Senra ou Dionísio Pereira. Finalmente, engádense aproximacións literarias, olladas de carácter artístico, que proveñen de X. Mª Álvarez Cáccamo, M. Ledo, Diana Varela e Gustavo Pernas. Un libro preciso para poder debater e xulgar.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, 0 24 de decembro de 2011 baixo o título de “Indignados galegos”.