Novas CEF (I)

Inauguro hoxe unha sección de apuntamentos que, ao longo dos vindeiros meses, estarán centrados en espallar cuestións relativas á celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro.

E comezo dando conta dunha espléndida nova, que xa circula desde hai días pola rede, como é a posta en marcha dunha completa web centrada no autor celanovés, dependente da Fundación CEF,  que se debería converter tanto nunha ferramenta de utilidade para saber máis arredor da biografía e mais a obra de CEF como nun lugar de encontro para coñecer as actividades que se celebrarán este ano.

Por outro lado deixo aquí, por se resultase de interese para alguén, a ligazón que dirixe ao podcast do Diario Cultural da Radio Galega, correspondente ao 3 de xaneiro de 2012, véspera xustamente do centenario, onde participei xunto con Anxo Quintela e Xosé María Álvarez Cáccamo nun longo faladoiro arredor da figura de CEF.

Por último unha presentación. O vindeiro venres, ás 20 horas, na Libraría Librouro, de Vigo, Eduardo Iglesias 12, presentarase o monográfico de Arraianos nº 9: Celso Emilio fai 100 anos. Música  e palabras arraianas para a memoria de CEF.