Seara. Obra poética (1971-2011)
Espiral Maior, Culleredo, 2011, 332 páxinas, 23 €
Poboar un universo de soños convertidos en versos non é unha cousa que estea á man de calquera; aínda menos o é o feito de levar corenta anos publicando poesía e acometer o proxecto de dar a coñecer todo aquilo que se escribiu, conxecturo que abrigando neste novo libro semellantes ilusións que as depositdas no primeiro. Sei que é así porque Vázquez Pintor é un autor polifacético, sempre inasequible ao desalento, permeable á incorporación de novos discursos, cheo de folgos mesmo cando hai razóns que fan pensar na desesperanza e mesmo diría, sen temor a errar, que é un verdadeiro mestre da palabra nosa, na arte de moldeala e tensionala, aínda que na súa modestia nunca o recoñecería.
Particularmente confésome un afervoado defensor e relector da súa narrativa, que considero un luxo pola capacidade imaxinativa que atesoura, cicelada cun esixente e vizoso rexistro literario e encerrada, entre outros, nos seus Mar de bronce, A memoria do boi, Para dicir abril ou Máis vidas. Non resultan exentos de interese tampouco os seus ensaios –Os vellos oficios, A tribo sabe ou Tal era vivir– que deberían ser lectura obrigada para recoñecerse nun universo próximo, malia que ás veces pareza un mundo paralelo, que aos poucos se esfarela pero que con achegas coma as súas contribuíu a reconsiderar e valorar na súa xusta medida. Por último, coñecía, só en parte, algúns dos títulos poéticos que, desde 1971 Vázquez Pintor viña publicando cun ritmo un tanto desigual pero nunca interrompido, ao que aquí se engaden dous poemarios novos: Anuncian aves –un exercicio de reinterpretación e diálogo interartístico entre pintura e poesía- e Os versos do zapateiro: composicións de carácter máis circunstancial, dedicadas a diversas persoas ou situacións.
Este Seara, termo que anoa os dous espazos vivenciais básicos do autor, esa terramar que vai de Cangas a Agolada, redescobre un percorrido poético singular, construído cunha rara aliaxe que mestura en doses acaídas talento e intuición poética a través de once poemarios que viaxan desde o tempo e que translocen, abertamente, todas as modulacións que a súa voz foi adquirindo desde os primeiros pasos nos que, como é lóxico, aínda andaba á procura da súa propia voz.
Vai logo o poeta afondando nas rodeiras dese camiño con versos que son espadas clamando pola resistencia, ás veces recuperando a memoria dos primeiros anos ou da vida toda; reparando no que o amor ou o erotismo suxire ou viaxando ás veces cara a un universo habitado por autoexilios e soidades do íntimo, sen esquecer tampouco chamar a atención polo que se podería chamar a deserción do comunal ou o descoido e desprezo do noso propio patrimonio.
Un volume que bebe nas fontes da vida e que por iso está vernizado cun insólito e infrecuente pouso vital, por veces telúrico como unha carballeira na que se mirar. Como di o autor “velaí é”, para quen queira gozar coa súa palabra.
Este texto publicouse baixo o título de “Unha tulla de versos” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 7 de xaneiro de 2012.