Romances populares gallegos, de Alfonso Hervella Courel

 

Alfonso Hervella Courel

Romances populares gallegos (edición de X.R. Mariño Ferro e Carlos L. Bernárdez) 

Nigratrea, 192 páxinas, 25 €

A figura de Alfonso Hervella non é moi coñecida  fóra dos circuítos máis abeirados á investigación sobre os romances e coido que é esta unha espléndida ocasión para divulgar o traballo de quen nacera en 1886 en Viana do Bolo. Hervella cursaría en Deusto, aprobaría unhas oposicións a notarías no ano 1912 e obtería varios destinos -Padrón, Monforte de Lemos e Medina del Campo- ata  ocupar unha praza en Palencia, onde falecería en 1949.

    Alfonso Hervella publicou textos de filiación histórica e mais tamén literaria e será en xullo de 1909 cando presente á Exposición Regional Gallega unha colección de romances composta por máis dun centenar de textos pertencentes ao romanceiro tradicional que, segundo os especialistas afirman, encerran versións que resultan copias executadas con fidelidade ás narracións orais.

    A presente edición, que vén da man dos profesores X.R. Mariño Ferro e mais Carlos L. Bernárdez, xorde da consulta do manuscrito orixinal que conserva o Museo de Pontevedra que se considera o exemplar orixinal que Hervella presentou e foi premiado na Exposición Regional Gallega de 1909 que resulta, ao meu ver aplicando un criterio científico rigoroso, o que se emprega para a presente edición, non se esqueza que ideada cunha intención divulgativa e alicerzada, por outra parte, nunha bibliografía acaída e xusta para este tipo de edicións que alude, entre outras, ás voces autorizadas de Ana Valenciano  ou Diego Catalán, quen emitiron opinións contrastadas sobre o valor da obra de Hervella e sobre a fiabilidade do seu labor.

    Teño para min que esta publicación cumpre á perfección o labor para o que foi encomendada, isto é, achegar ao gran público un traballo relevante e moi pouco divulgado dentro do romanceiro popular galego. Parabéns aos responsables que posibilitaron que este proxecto vexa a luz.