Apoloxía dos ociosos, de Robert L. Stevenson

 

Robert L. Stevenson

Apoloxía dos ociosos (tradución de Mª Fe González)

Trifolium, col. Musa pedestris, Oleiros, 2011, 54 páxinas, 9 €

 

O selo editorial Trifolium teima, afortunadamente,  en ofrecer ao lectorado galego verdadeiras alfaias editadas con sinxeleza e concibidas baixo un atractivo concepto estético. Este é o caso, ao meu ver, da serie Musa pedestris -volumes de pequeno formato, ideais para levar canda si a calquera parte e seguir practicando o hábito da lectura-  que achega agora un texto pouco popularizado de Robert L. Stevenson baixo o título de Apoloxía dos ociosos, en acaída tradución de Mª Fe González.
 
    O texto, moi breve mais extraordinariamente intenso, articúlase como unha defensa dos valores da ociosidade e cómpre situalo nun ronsel de publicacións que, por volta do século XIX, ofrece propostas adubiadas cunha vontade subversiva diante do industrialismo galopante e de certa moralidade puritana do traballo, reclamando para si -como tamén o fixeron Stendhal, Paul Lafargue ou Henry D. Thoreau- a ociosidade ou o dereito á preguiza. 
 
    Dá xenio ler este Stevenson, exhibindo sempre unha prosa rotunda e brillante, establecendo un diálogo consigo mesmo, co pensamento doutros escritores contemporáneos ou non e mais recreando referencialmente elementos da mitoloxía de todos os tempos, alumeando sempre ese obxectivo de reivindicar os aspectos da sabedoría que encerra a ociosidade, concepto afastado dese “non facer nada”; ben ao contrario moi próximo dese “facer cousas” que nos presten, sen presións nin obrigas. Moi recomendable.