Dous novos blogues: Pensamentos de Olafson Mokk e As escollas selectivas

Nacen dous blogues dos que me resulta moi grato dar conta deles, tanto polo afecto e admiración que sinto polos seus responsables como por conxecturar que serán bitácoras de longa vida e moi visitadas polos usuarios.

     Un é o bautizado como Pensamentos de Olafson Mokk, que chega do teclado de Alfonso Álvarez Cáccamo. A bitácora,  ao que se ve, inspírase nos eidos líricos da ironía palindronómica e promete -isto é suposición pero non será difícil constatalo- reflexións gobernadas polo enxeño, a lóxica esmagadora, a visión retranqueira  e a agudeza analítica que sempre caracterizou a escrita deste biógrafo, narrador e poeta que é Alfonso Álvarez Cáccamo.

    Por outro lado, As escollas selectivas, que conta xa con algunha semana de vida, inspírase nun principio como é o da divulgación do feito poético galego contemporáneo coa única condición de que quen apareza aí sexa nomeado previamente por outro poeta. Unha bitácora que irá medrando aos poucos e que, sospeito, pode converterse nun repositorio poético contemporáneo de extraordinaria utilidade. Os meus parabéns e moita sorte para esta iniciativa privada, que vén da man dos amigos Suso Díaz e mais Maripaz Paz.