Contos por teléfono, de Gianni Rodari

 

Gianni Rodari

Contos por teléfono (tradución de Carlos Acevedo / ilustracións de Pablo Otero)

Kalandraka, Pontevedra,  160 páxinas, 18 €

 

Hai xa por volta case de vinte anos publicábase unha tradución deste libro, ao galego, da man de Valentín e   Xela Arias,  baixo o título de Contos ó teléfono. A edición, que había que entender como un intento de internarse no mercado galego pola editorial Juventud, ofrecendo un título con garantías, circulou con certas dificultades de distribución mais no meu caso particular serviu para achegarme a unha desas voces engaiolantes e singulares como a de Gianni Rodari, da que era ben difícil non saír indemne nin deixarse levar polo feitizo da súa palabra, pola intensidade da súa fantasía, tamén pola sinxeleza e hetoroxeneidade das súas propostas.

      Pasado ben de tempo desde aqueloutra edición chégame arestora esta de Contos por teléfono, publicada en Kalandraka, cunha nova tradución realizada por Carlos Acevedo que, ademais, xa foi galardoada, teño para min que merecidamente, polos lectores de Fervenzas literarias. Por outro lado, non resulta menos relevante o salientable papel que ocupa nesta entrega o feliz exercicio plástico realizado a cargo de Pablo Otero,  que converte esta edición nun auténtico galano.

     Reler agora a Rodari, nesta coidada proposta que fai pensar inevitablemente nos pasos andados no mundo da edición en Galicia, tráeme o arrecendo dunha lectura xa case esquecida pero que agora revive adquirindo, se couber, novas tonalidades e matices,  tanto ou máis satisfactorias que as de hai vinte anos. A día de hoxe non sería difícil que Rodari idease uns contos xa non para seren contados por teléfono,  talvez por correo electrónico, twitter ou facebook, medios tamén operativos para servir como transmisores de  historias, que  é o substantivo, e facelo coma un verdadeiro mestre pois Rodari era dos que bebía dos clásicos e dos modelos populares para proxectarse con exemplaridade no seu propio tempo.

Parabéns por idear este proxecto que fai revivir a Rodari e, asemade, por reparar na necesidade que supuña poder acceder a unha edición actualizada e, por riba,  tan fermosa coma esta pois estes Contos por teléfono deberían ser de lectura, e relectura, obrigada.