"Eiquí será" de Celso Emilio Ferreiro, na Antología de Gómez Naharro (Novas CEF IX)

Miguel Ángel Gómez Naharro

Antología. Poesía vernácula musicalizada de la Península Ibérica

Asemblea de Extemadura, Mérida, 129 páxinas + CD, 10 €

 

Este pasado nadal uns amigos deixaron nas miñas mans un libro do que non tiven ocasión de dar conta ata agora. Trátase dunha antoloxía poética que recolle composicións musicadas de diversos autores peninsulares, seleccionada e musicada nun cedé que se anexa ao libro e que vén da man do cantautor extremeño Miguel Ángel Gómez Naharro. O volume, excelentemente editado pola Asamblea de Extremadura e que pode lerse premendo aquí, incorpora asemade un importante traballo plástico da man dun heteroxéneo grupo de pintores e fotógrafos.

     O volume articúlase como unha consecuencia de cinco discos anteriores gravados por Gómez Naharro e que, afortunadamente, entendo como unha volta a ese espírito de concordia e harmonía que debería reinar diante do patrimonio cultural e lingüístico peninsular, unha postura que se foi esfarelando e desatendendo cada vez máis. Ademais do indubidable valor musical que encerra este libro-disco, quen se achegue a esta proposta atopará, interpretadas con sentimento e acerto, cancións tradicionais como “¡Ay Carmela” ou “Bella ciao”, xunto con versos de Ausias March, Quevedo, Aresti, Espriu, Luis Filipe Maçarico, Pessoa ou, por suposto, Celso Emilio Ferreiro, de quen se musicaliza o poema “Eiquí será” que deixo aquí abaixo. Parabéns, sen dúbida, por este libro que moito agradezo ter podido acceder a el.