Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde e Café só, de Anabel Alonso

 

Fernando Díaz-Castroverde

Microbios e outros paquidermos

Galaxia, Vigo, 2011, 136 páxinas, 14,50 €

 

Anabel Alonso López

Café só

Morgante, Cangas do Morrazo, 96 páxinas, 12 €

 

Non é doado abrirse camiño e publicar o primeiro libro en circunstancias como as actuais, por iso mesmo cómpre saudar a aparición de dúas novas voces no eido da narrativa galega que simbolizan as opcións máis habituais para se dar a coñecer como son quer os galardóns literarios quer que algún selo editor aposte por un novo valor. Velaquí un exemplo de cada caso.

 

MICROBIOS E OUTROS PAQUIDERMOS

     Procede o lucense Fernando Díaz-Castroverde (Lugo, 1967) dos ámbitos da poesía onde xa publicara hai algún tempo unha mostra do seu quefacer  e é agora cando ve a luz un libro que compila un total de 120 textos narrativos que resultou galardoado na V edición do premio Narrativa Breve Repsol,  textos que cómpre poñelos en relación co subxénero do microrelato ou, se se quer, co da narrativa mínima.

        Moitos destes exercicios déixanse ir polos obrigados camiños da esencialización discursiva e pola necesaria brevidade que debe guiar o seu desenvolvemento, mesmo un apreciable número deles semellan concibirse potenciando unha lectura irónica, por veces transgresora e cunha clara e estudada intención alegórica. O nivel de excelencia, malia todo, é difícil de manter nun número tan elevado de propostas, que ademais configuran ás veces un lector tan esixente que é ben posible que este se atope desnortado, o que contrasta aínda máis cando encontre algunhas propostas un tanto tópicas ou banais. Con todo, hai páxinas realmente gorentosas, sobre todo aquelas nas que xoga coa sorpresa ou a burla final, ou nas que actualiza o concepto de fábula; teño para min que estes últimos serían os que cómpre subliñar pois axudan a entender esta esta achega como un paso máis nunha tradición contística que merece, abofé, ser potenciada.

 

 CAFÉ SÓ

     Velaquí a primeira proposta narrativa de Anabel Alonso López (As Pontes de García Rodríguez, 1968) que realmente sabe a pouco, o que me fai pensar no indubidable interese que  suscita este breve libro de relatos. Non se procure aquí orixinalidade ningunha, nin de corte estrutural nin temática, pois tampouco creo que este obxectivo fose o da autora. Apenas, e non é pouco, penso que o obxectivo da autora foi o de ofrecer, expostas con solvencia e claridade, un mangado de historias atentas ao pequeno detalle e protagonizadas por un grupo de mulleres, todas semellantes mais todas perfiladas na súa individualidade, que espellan vivencias derivadas, as máis das ocasións, do ofegamento vital  provocado por  un rodopío de incomprensións esgazadoras, de vidas rotas, do silencio, da incomunicación e da  soidade, reflectida esta última nesa recorrente presenza do amargue café só, que tamén é operativa para constatar o paso do tempo que vai esvaecendo aos poucos proxectos e ilusións, aínda que haxa lugar, entre tanto abatemento, para albiscar esperanzas, ou algunhas esperanzas, nesa lousa que simboliza sentir o peso do mundo enriba das costas.

        Un libro, en fin, sólido e solvente, que ademais apunta cara a un prometedor futuro. Oxalá así sexa.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia o 28 de xaneiro de 2012 baixo o título de “Dúas novas voces narrativas”.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: