Castelao: seis libros fundamentais

Un ollo de vidro. Retrincos (1922, 1934)

Editados conxuntamente na edición máis accesible hoxe en día (Galaxia), constitúen dúas propostas desemellantes mais tamén de obrigada lectura para coñecer “todo” Castelao. Un ollo de vidro é o primeiro exercicio narrativo do autor a través do cal  artella toda unha teoría do humor, na que hai espazo para desvelar as claves sociolóxicas do seu tempo. Retrincos, pola súa parte, constituído por cinco breves narracións, permite que nos acheguemos a unha emocionante autobiografía literaturizada, recreando vivencias que van desde as da Pampa arxentina ata a época na que foi deputado en Cortes.

Cousas  (1926 e 1929)

Cando en 1926 Castelao dá ao prelo o seu primeiro libro de Cousas, talvez non reparaba en que inauguraba un novo xénero, a medio camiño entre o literario e o pictórico: imaxes e texto creando unha amálgama única. Delas adóitase dicir que constitúen unha suxestiva interpretación da Galicia de xinea máis popular, redactada con trazo firme e esencialista, aplicando unha perspectiva que transmite limpamente a totalidade do seu humanismo sen agochar un palmario espírito crítico. Segue a ser ben difícil non implicarse nin emocionarse lendo ou relendo este libro.

Os dous de sempre (1934)

Foi a editorial Galaxia, depositaria dos dereitos de publicacións da obra do rianxeiro, quen a reeditou no ano 1967 e, desde aquela, converteuse nunha das súas obras máis difundidas. Trátase dun texto comunmente valorado como un “clásico” na nosa novelística e considerado como unha aposta renovadora no seu tempo. Nel dáse conta das reviravoltas vitais dos seus personaxes -Pedriño e Rañolas- e as súas circunstancias, relatadas cunha moderna técnica contrapuntística. Existe unha fermosa edición que viu a luz en 2001 por Galaxia, con limiar de H. Monteagudo, que dá a coñecer o manuscrito orixinal deste libro.

Sempre en Galiza (1944)

Libro heteroxéneo, pois integra ensaios de corte histórico, cultural, sociolóxico, político e económico, o Sempre en Galiza, a popularmente chamada “biblia do nacionalismo galego”,  recolle a práctica totalidade do pensamento de Castelao e, en parte, é un espello da súa vida, constituíndo un dos seus legados máis salientables para a posteridade. A súa circulación clandestina durante moitos anos concedeulle un valor engadido para, talvez, converterse no libro de ensaio máis lido da historia contemporánea de Galicia. Existe unha edición crítica coordinada polo profesor Ramón Máiz.

Os vellos non deben de namorarse (1953)

Única peza teatral de Castelao, estreada en Buenos Aires no teatro “Mayo” no ano 1941, que viu a luz en 1953. Inspirada no impacto do que presenciara en París en 1921 da man de Nikita Balieff e o seu “Teatro do Morcego”, iniciouna en Pontevedra e rematouna nos primeiros pasos do seu exilio en Nova York. Nela traslada ao teatro parte do universo do imaxinario galego logrando así, a xuízo dos especialistas en dramaturxia galega, algo máis que unha peza dramática: unha proposta escénica de validez universal chantada nas nosas propias raíces.

Obras Castelao. Tomo 6. Epistolario (2000)

Cando no ano 2000 se celebraron os cincuenta anos do seu falecemento, entre outras iniciativas, a editorial Galaxia acometeu o necesario proxecto de sistematizar dunha vez a súa produción escrita e ofrecer deste xeito a súa obra completa. Nesta serie saliento o sexto e derradeiro volume introducido e anotado por X. M. Núñez Seixas, que compila a práctica totalidade do seu epistolario: 247 cartas, 186 inéditas ata aquel momento. A  súa lectura constitúe outra maneira de achegarse ao perfil máis íntimo do home, do escritor e mais do político.

 Estes textos publicáronse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 28 de xaneiro de 2012.