Textos: "Problemas da crítica literaria"

Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada “textos”, que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección “A ledicia de ler” que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado “Problemas da crítica literaria”, viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e  resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son  as propostas que fai da “eliminación do analfabetismo literario”  e mais a demanda “dun tratamento libre da realidade”.

     Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler  integramente premendo aquí e que  axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.