Última anada de traducións

HUGIN E MONIN: NOVA EDITORA

Charles Bukowski

Servizo de Correos (tradución de A.  Tobar)

Hugin e Munin, Compostela, 204 páxinas,  16,50 euros.

Mark Twain

O forasteiro misterioso (tradución de A. Tobar)

Hugin e Munin,  Compostela,  152 páxinas,  14,75 euros.

    Unha das noticias relevantes de finais do 2011 correspondeu á aparición dun novo selo editorial que, baixo o nome de Hugin e Munin –no logotipo represéntanse eses dous corvos vinculados co deus Odín, que simbolizan o pensamento e mais a memoria-, persegue especializarse ofrecendo literatura estranxeira en galego e alicerzando o proxecto sobre unha base de subscritores que posibilite a publicación dun total de oito libros anuais. Tal e como apuntan desde a editorial os ámbitos prioritarios serán os da literatura inglesa e francesa, sen perder de vista as literaturas nórdicas e as minorizadas,  abrindo asemade o seu catálogo a diversos xéneros. E chegaron xa os dous primeiros volumes desta iniciativa, ambos os dous en coidada tradución de Alejandro Tobar, estreándose da man de Charles Bukowski con Servizo de Correos e mais de Mark Twain con O forasteiro misterioso.  O primeiro resulta un provocador exercicio de ficción, con moito de autobiografía, como xa fixera respecto dos seus primeiros anos en Pan con xamón, a través dun alter ego chamado Chinaski. A novela de Twain, editada postumamente, articúlase como un alegato contra a relixión cunha intensa carga reflexiva e crítica, na que salienta a mordacidade e a desinhibición.

CARTAS DESDE A TERRA

Mark Twain

Cartas desde a Terra (tradución Carlos Acevedo)

Faktoría K, Pontevedra, 80 páxinas,  10 euros.

Ao mesmo tempo, Faktoría K, ofrece Cartas desde a Terra, tamén de Mark Twain, en tradución de Carlos Acevedo. Un libro que igualmente viu a luz anos despois da súa redacción debido á prohibición para publicala que dispuxo a filla do autor, Clara Clemens, por considerala pouco apropiada pola crítica –en ocasións inmisericorde-, que se fai da relixión en xeral. Neste libro, “o pai da literatura norteamericana”, como o definiu William Faulkner, adopta unha estrutura epistolar que integra ensaio e ficción desde unha perspectiva irónica, por veces corrosiva, e nel agroman as contradiccións fronte ao feito relixioso, cuestionándose as dimensións de todo tipo de crenzas  en relación co ser humano.

O PREZO DA FAMA

Sławomir Mrożek

O prezo da fama (tradución de Paula Cancelas)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 224 páxinas,  18,50 euros

Pola súa parte, Rinoceronte ofrece un conxunto de relatos do dramaturgo e debuxante Sławomir Mrożek (Borzęcin, 1930), un dos  autores polacos de maior proxección internacional que reside desde hai algúns anos en Niza (Francia).  

     O prezo da fama, traducido desde a lingua orixinal por Paula Cancelas, compendia unha obra que Mrożek escribiu a comezos dos anos noventa á que lle outorga un tratamento que a fai moi contemporánea. Os relatos, ideados con humor e ironía, resultan operativos para que o autor dirixa o seu obxectivo, por veces con dureza descarnada, cara a cuestións que teñen que ver tanto con comportamentos ou actitudes cotiás como contra os totalitarismos de toda clase, transitando un efectivo camiño emprazado entre a alegoría, a sátira e o peso esmagador dunha lóxica na que non sempre se repara.

Baixo o título de “Última anada de traducións”, este texto publicouse no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 4-2-2012.