As crebas, de Miro Villar

Miro Villar

As crebas

Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 2011, 52 pp.,  12 €

 

Avalado por ser merecedor do XIII Premio de poesía “Concello de Carral”, publicouse xa hai algúns meses As crebas, do poeta ceense Miro Villar, dono xa dun longo percorrido bibliográfico no que se refire, basicamente, á poesía e á crítica literaria, probando fortuna tamén, duns anos para atrás, tanto nos eidos da literatura para primeiros lectores como no das bitácoras da rede cun interesante blogue que recomendo vivamente.

   As crebas, ao meu xuízo, constitúe un dos mellores libros de Villar, un dos máis puídos e intensos. Quen se achegue ás súas páxinas advertirá a construción dun ricaz diálogo de filiación poética con Cernuda e Gamoneda, con Manuel Antonio e Eliot, entre moitos outros, empregando o concepto de “crebas” como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta, que se transforma en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria.

     E alguén como Miro Villar, tan convencido das posibilidades que algunha das formas clásicas pode ofrecer para a poesía de hoxe, ofrécenos un xogo como é o de “disfrazar” trinta e un sonetos brancos en alexandrinos cunha roupaxe narrativa moi acaída que moderniza e actualiza a fórmula con acerto.

      Gustoume esta nova achega de Miro Villar e deséxolle a mellor das singraduras a este poemario na certeza de que o crebeiro seguirá a camiñar.