Territorio da desaparición, de Fernán Vello e Preludios para M.A. Fernán Vello

Miguel Anxo Fernán Vello

Territorio de la desaparición (edición bilingüe) (tradución de Xulio Valcárcel e Luciano Rodríguez)

Huerga y Fierro,  154 páxinas, 15 €

No ano 2004 publicábase, na editorial Galaxia, o que entendo como un libro fundamental no percorrido poético de Fernán Vello como foi Territorio da desaparición, que acadou senllos galardóns ao ano seguinte da súa posta en distribución como foron o da Crítica Española e mais o da Irmandade do Libro. É agora, nunha edición bilingüe galego-castelá, traducida con solvencia e acerto polo poeta Xulio L. Valcárcel e mais polo profesor Luciano Rodríguez, cando o selo Huerga y Fierro acomete unha nova e elegante edición no que para min é unha feliz iniciativa que debería facilitar o acceso e a aproximación a un dos poemarios mais relevantes da literatura galega da década anterior a lectores interesados doutras latitudes.

     Ao meu ver, este Territorio da desaparición non perdeu, co paso do tempo, o seu fulgor inicial, tal e como ocorre coas propostas verdadeiramente perdurables, antes ben se cadra gañou aínda en fondura e actualidade. O poeta, desde as instancias da tensión creadora, convértese nun ser que transita por espazos marcados a ferro polo abatemento, por seren terra erma, na procura de volver ao principio de todo, ao propio corpo, á casa, tamén á memoria salvífica que vén sendo luz nas tebras. Hai neste libro unha inequívoca lectura que revela unha vontade comprometida coa sorte do ser humano, sobre todo coa sorte que é máis esquiva e fuxidía, construíndo  para iso un discurso sólido e reflexivo, moi traballado simbólica e metaforicamente, que tamén se inquire tamén polo rol do poeta nos tempos presentes e que fai pensar en que talvez sexa este un  dos seus libros máis próximos en intención a unha parte substancial da estética de Celso Emilio Ferreiro, tan de actualidade sempre pero máis neste ano. Unha visión, sen dúbida, que nos fai vivir na palabra “que eleva a lucidez do ser”.

PRELUDIOS PARA MIGUEL  ANXO FERNÁN VELLO

Luciano Rodríguez (coordinador)

Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello

Laiovento,  Santiago, 129 páxinas, 14 €

Por outra parte, coincidindo co vixésimo aniversario da editorial Espiral Maior que dirixe o propio Fernán Vello, un grupo de amigos, maioritariamente ensaístas e poetas, ofrecen agora unha colectánea composta por once textos críticos, iniciados por unha interesante e completa visión de corte xeneralista a cargo de Xavier Rodríguez Baixeras, que logo se debruzan sobre diversos poemarios individuais do autor lucense. O libro,  coordinado polo profesor da Universidade da Coruña Luciano Rodríguez, que tamén participa cunha análise xustamente do Territorio da desaparición, inclúe unha serie de estudos a cargo de  Xulio L. Valcárcel, Teresa Seara, Eva Veiga, Arcadio López-Casanova ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros, que se converte, por dereito propio, nunha achega ineludible para coñecer con propiedade e rigor a ricaz dimensión da totalidade da obra literaria do editor e poeta. Parabéns pola iniciativa. 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 11 de febreiro de 2012 baixo o título de “Espazos poéticos e críticos”.