Ecos da edición bilingüe de Longa noite de pedra (Novas CEF XI)

O pasado 12 de febreiro Fran P. Lorenzo subscribiu unha ampla reportaxe sobre a edición bilingüe galego-castelá de Longa noite de pedra, publicado hai pouco por Auga Editora, nas páxinas de El Correo Gallego, a quen lle agradezo a súa atención. Deixo aquí o fragmento ao que se pode acceder a través da rede:

A poucos autoras ou autores dunha literatura lles está reservado o privilexio de cifraren nun título poético o tempo que habitan ou de o convertiren no emblema dun sentimento colectivo, mesmo nun lugar común. Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, é un deses casos. Así o sinala o crítico literario e tradutor vigués, Ramón Nicolás, na introdución de Longa Noite de Pedra/Larga Noche de Piedra, versión bilingüe galego/castelán deste título fundamental da poesía contemporánea, que vén de incorporar ao seu catálogo Auga Editora (non así á súa web, onde non está a disposición dos leitores), e que, como sinala o propio Nicolás no limiar, está pensada “fundamentalmente para o leitor non galego con certas inquedanzas”.

Longa noite de pedra saíu do prelo en 1962, sete anos despois d’O soño sulagado (1955), considerado o primeiro poemario independente de Celso Emilio en lingua galega. Apareceu na colección Salnés, unha sorte de sucursal lírica de Galaxia, na que confluían en labores de dirección o propio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Fernández del Riego. Á publicación do libro sucedeulle un recoñecemento unánime do público e da crítica e a inmediata conversión do seu autor en poeta de referencia no sistema literario galego. E non só. O celanovés virou ademais nun dos escritores máis lidos e traducidos fóra de Galicia, mercé, como lembra Nicolás, “ás seguintes edicións realizadas, a partir de 1968, desde a colección poética de El Bardo”, editorial catalana, dirixida por José Batlló, que recolleu, na altura, a tradución do profesor Basilio Losada. Losada asinaría tamén a tradución ao castelán incluída por Akal no primeiro tomo das Obras completas, de CEF, publicada en 1975 na colección Arealonga, ao coidado de Xesús Alonso Montero.