A cidade na poesía galega do século XXI, edición de Gonzalo Vázquez

VV.AA.

A cidade na poesía galega do século XX (edición de Gonzalo Vázquez)

Toxosoutos, serie Esmorga (escolmas), Noia, 2011, 224 páxinas, 14 €

 

Non son frecuentes as antoloxías, menos aíndas poéticas nestes tempos, que reparen nun asunto concreto como eixe vertebrador dos seus contidos. Isto é o que ocorre con A cidade na poesía galega do século XXI, unha antoloxía poética que vén da man de Gonzalo Vázquez e que xunta máis dun cincuentena de poetas, de diversas xeracións e sensibilidades, asediando o tema da “cidade” que, por outro lado, talvez non ocupase na nosa tradición literaria, por  moi desemellantes motivacións, un espazo salientable.

    Así pois este libro vén cubrir esta lagoa e faino dun xeito contundente e extenso, precedido dun breve e suxestivo limiar -sospeito de que da autoría do propio editor do volume-  que resume, en esencia, aquilo que quen se achegue ao volume ha atopar: “poemas que nos presentan cidades sen nome, cidades froito do estereotipo ou cidades que son parte dunha visión única sobre o feito urbano, cidades galegas ou alleas á lingua que as transmiten e rúas que son pisadas ou imaxinadas polos poetas que conforman esta relación”.

As voces que integran o volume son variadas e moi diversas como se dixo, malia que boto en falta algunhas que talvez tamén expresarían algo interesante, mais entendo que resultan inevitables as ausencias nun traballo destas dimensións. Poemas inéditos algúns, xa coñecidos noutros casos, mais todos fiados pola presenza ou evocación da cidade ou das cidades -imaxinarias ou reais-, mesmo por asuntos máis ou menos veciños e que reflicten, por outro lado, a enorme pluralidade de puntos de vista, intencións e técnicas compositivas da poesía contemporánea, harmonizando voces de recoñecida traxectoria a carón doutras que aínda carecen de libro independente publicado, anoando relampos clásicos a carón de propostas filovangardistas ou experimentais… Poemas sobre a cidade  para goce da lectora, para goce do lector. Parabéns pola iniciativa.

PD. Deixo aquí a referencia ás voces que concorren neste libro: Xoán Abeleira, Marilar Aleixandre, Francisco Álvarez-“Koki”, Anxo Angueira, Alicia Baña. Xosé María Álvarez Cáccamo. Ramón Caride Ogando, Xosé Antón Cascudo Rodríguez, Yolanda Castaño. Xabier Cordal, Francisco Cortegoso, Marta Dacosta, Berta Dávila, Lois Diéguez. Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez. Francisco X. Fernández Naval, Manuel Forcadela, Antom Fortes Torres, Modesto Fraga, Xavier Frías Conde, Luís González Tosar, Mero Iglesias, María Lado, Xavier Lama. Alfonso Láuzara, Xosé Antón Laxe Martiñán, Alberto Lema. Rafael Lema. Xulio López Valcárcel, Verónica Martínez Delgado, Ricardo Martínez Conde, Rosa Méndez Fonte, Alberte Momán, Carlos Negro, Isidro Novo, Andrea Nunes Brións, Olga Patiño Nogueira, Xabier Paz, Ugia Pedreira, Ánxeles Penas, Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, María do Cebreiro Rábade Villar, Baldo Ramos, Mario Regueira, Claudio R. Fer, Alfonso Rodríguez Rodríguez, Miguel Sande, Xosé Luís Santos Cabanas, Xavier Seoane, Francisco Souto Barreiro, Xosé Vázquez Pintor, Xabier Vila-Coia, Helena Villar Janeiro, Miro Villar, Xabier Xil Xardón e Isaac Xubín.