Acuática alma, de Marta Dacosta

Marta Dacosta

Acuática alma

Espiral Maior, Rutis-Culleredo, 92 páxinas, 14 €

 

Lembro, coma se fose onte, a lectura dun manifesto poético nun local vigués, alá polo ano 1987, titulado “A cidade espida”,  que é posible que conserve. O texto asinábano un grupo de estudantes e eran os <<novísimos>> poetas daquela -sempre esa palabra, claro-, entre os que se atopaban Fran Alonso, Marta Dacosta, Xurxo Rodríguez e alguén máis que non recordo e a quen lle pido desculpas. Desde aquela até hoxe moitas cousas mudaron pero cando menos dúas daquelas voces -Alonso e Dacosta-  ocupan un espazo relevante, coas súas lóxicas singularidades, no panorama da poesía galega contemporánea.

    Marta Dacosta, é ben sabido, non posúe unha elevada intensidade no ritmo de publicacións. O presente Acuática alma ve a luz oito anos despois de seu As amantes de Hamlet, co que este poemario mantén unha inequívoca relación. Sospeito que o  vagar na xestación do libro e mais na súa disposición para editalo supón outra proba de que a concepción do seu traballo poético responde a un coidadoso proceso de creación e constante puimento, algo que é evidente na lectura das súas composicións.

     E este é, ao meu ver, un dos poemarios máis compactos da autora,  mesmo considerando a pluralidade de focos de interese que recrea. Quen a estas páxinas se asome advertirá que Dacosta segue a beber das fontes da mitoloxía clásica -Medusa, Ismene, Antígona, Ofelia…-, figuras que resultan operativas, aínda que non só, para afortalar unha das liñas de sentido que poboan o poemario como é a rexa reivindicación da loita, por veces “invisible e teimuda”, que protagoniza a muller en moi diversos ámbitos, convidando a adoptar, por extensión, unha postura que vai máis aló da simple belixerancia. E xa que de ecos clásicos se fala cómpre non esquecer que este é tamén un libro que se achega, aquí e acolá, aos grandes temas da poesía de sempre como son a reflexión sobre o rol da poeta, arredor do paso do tempo ou a asunción da morte como algo ao que se lle ve o rostro, que se singulariza para facela máis real, exhibindo unha recorrente e rendible, mais non exclusiva, simboloxía <<acuática>> ou mariña, tal e como consta no seu título.

    Por outro lado, paréceme que esta Acuática alma alicérzase desde a constatación, dolorosa, de ausencias que provocan cicatrices case tanxibles e dispostas coma se dunha sorte de bitácora ou diario se tratase. Elabórase así un discurso intenso, revelador da intimidade, transparente e con arrecendo a verdade, razón que explica a súa fondura abisal e mesmo esa tonalidade estremecida  que percorre algunhas das súas páxinas construídas, como non, a través das palabras: esas palabras tantas veces rebeldes que a voz lírica procura porfiadamente, remoendo nelas unha e outra vez, para rescatalas dese pequeno tesouro que vén sendo unha <<maleta pequena>> que agora se abre para construír un chanzo máis nesa <<memoria violeta>>, tal e como se recolle nun poema, reconstruída e exposta limpamente con brillantez e sobriedade. Parabéns.