Charo Portela Yáñez
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía (ilustracións de Jaime Asensi)
Xerais, col. Merlín, Vigo, 2012, 104 páxinas, 9 €
Chegoume onte este ensaio e non puiden evitar a tentación de priorizar a súa lectura tanto polas expectativas depositadas neste traballo que sabía ía realizar Charo Portela como pola revisión biográfica de Paz Andrade, en clave sintética e divulgativa, que agardaba. E o certo é que non me defraudou en absoluto, tal e como sospeitaba dunha investigadora e ensaísta como Portela, que xa posuía unha traxectoria fecunda e solvente no ámbito das investigacións e exhumacións textuais vinculadas coa figura de VPA.
Tendo sempre presente que o este traballo concreto -agárdase outro estudo da súa autoría de maiores dimensións na mesma casa editora- está orientado cara a un lectorado fundamentalmente novo mais tamén cara a aquel que pouco ou nada coñece arredor da figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, coido que a autora chega a un acaído punto medio que redimensiona con xeito os diferentes focos de interese que unha biografía como a de VPA pode ofrecer, porque este libro é, sobre todo, un exercicio biográfico moi documentado e construído cun discurso expresivo efectivo e fluído que permite, ademais, asomarse a algunhas facetas do escritor pontevedrés que até o de agora resultaban pouco difundidas ou coñecidas.
O fío cronolóxico, así pois, que se emprega como criterio desta biografía é o que posibilita viaxar no tempo desde os primeiros anos de VPA ata o seu labor na chamada transición; desde a súa valoración e perspectivas respecto da lingua galega ata o seu traballo político; das vivencias experimentadas na guerra á súa relación con Castelao ou desde o seu traballo a prol da modernización da pesca galega a iniciativas proxectadas en traballos de corte literario ou creativo, avanzando sempre con soltura e apoiándose, cando é preciso, tanto na reprodución dun apreciable corpus fotográfico e documental, incluíndo neste último grupo fragmentos epistolares, poéticos, ensaísticos, xornalísticos ou doutra índole que serven para iluminar socalcos vitais e profesionais que revelan a intensidade dunha vida.
O libro de Charo Portela, acompañado das atractivas ilustracións de Jaime Asensi, deixa ás claras ese perfil integrador de VPA, que desenvolveu tarefas como avogado, político, empresario e literato dominado por un incuestionable compromiso co país como sinala a biógrafa. Ademais, é Portela quen se responsabiliza dunha equilibrada e representativa escolma textual do propio VPA recollendo textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de moita utilidade tanto no ámbito docente como noutros territorios que estean dominados pola curiosidade e o coñecemento.