Peche da lisboeta Livraria Portugal

O malfadado signo dos tempos. Unha das derradeiras librarías históricas portuguesas, a Livraria Portugal, en pleno Chiado lisboeta, pecha as súas portas o vindeiro vinte e nove deste mes de febreiro. Non só supón a desaparición dun negocio pois é algo máis, como di un dos entrevistados neste vídeo de Público: “é a morte de um bocado da cultura de Portugal”. A crise, as grandes superficies comerciais e as dificultades para modernizar a empresa van privar de vez a tantos lisboetas e amantes dos libros en xeral deste lugar de referencia para o libro en Portugal. Para quen se formou durante un pequeno período de tempo, como tantos colegas galegos e doutras partes do mundo, naquela Universidade Nova da Lisboa de finais oitenta, este peche supón outra perda lamentable.