A través dun comentario na rede da crítica literaria Montserrat Pena souben dun web chamado «The Composites» que, empregando un software policial, é quen de crear os rostros dos personaxes de ficción que se desexen. Trátase dunha iniciativa do escritor e artista Brian Joseph Davis que está a gozar dun inusitado éxito na rede. Na foto superior velaí Humbert Humbert, da Lolita de Vladimir Nabokov, xunto con Emma Bovary de Flaubert ou Lisbeth Salander, da triloxía Millennium de Stieg Larsson. Segundo Davis a súa intención é que a rede contribúa a reactivar o interese do público pola literatura. Pode ser un recurso para enredar, abofé e, por exemplo, vexo moi acertado o
rostro de Ignatius J. Reilly d´A conxura dos necios de John Kennedy Toole mais, particularmente, prefiro imaxinalos e perfilalos eu soíño, aínda que case estou tentado co Balbino, Pedriño, Rañolas, o Merlín ou algunhas das mulleres d´O club da calceta por poñer algúns casos que me veñen á cabeza. Quedará para outro día con máis tempo.