Dos vidas y un exilio. Ramón de Valenzuela y María Victoria Villaverde. Estudio y antología, de Carmen Mejía Ruiz (dir.)

Carmen Mejía Ruiz (dir.)

Dos vidas y un exilio. Ramón de Valenzuela y María Victoria Villaverde. Estudio y antología

Editorial Complutense, Madrid, 2011, 320 páxinas.

Hai xa ben de tempo que quería deixar constancia, neste blogue, da aparición dun libro, ideado e dirixido pola profesora Carmen Mejía que, pola cantidade de información que ofrece supuxo, para min, un recurso bibliográfico moi relevante. O volume, editado pola Editorial Complutense co apoio de diversos organismos institucionais  galegos, céntrase, aínda que non só, na difusión das figuras dos escritores Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde, difundindo as actividades literarias, culturais e políticas desenvoltas por estas dúas persoas sobre todo no ámbito do exilio. Do escritor de Silleda (1914-1980) fica máis popularizada a pegada do labor literario que desenvolveu: velaí  a primeira novela en galego baseada na guerra civil española, Non agardei por ninguén, editada en 1957 na colección Mestre Mateo da editorial Citania; ou o seu magnífico Era tempo de apandar, alén da súa colectánea de relatos recollidos n´O naranxo; da segunda resoan os ecos desa alfaia que é Tres tempos e a esperanza, mais agora, de  ambos e dous, coñécense outros aspectos de indubidable interese.

    De feito, este volume constrúese arredor de oito traballos que incorporan  numerosa  documentación inédita –nos máis dos casos  procedente do arquivo de María Victoria Villaverde– e fotografías familiares dos dous escritores dos seus tempos do exilio. Deste xeito María Victoria Navas biografa aos Valenzuela, artellando unha revisión das traxectorias dos dous autores e Ana Acuña esculca na tarefa xornalística que se espella nos artigos escritos polos autores e publicados aquén e alén mar.

     Por outra banda, Xesús Alonso Montero, director honorífico da obra, cedeu un documento que moito apreciei como é o  Informe de 1965: un texto inédito de Valenzuela onde este reflicte, para o Partido Comunista de España, o contexto cultural e político en Galicia nese ano; no que supón un documento sociolóxico de gran valor. Tamén María Asunción Canal e Begoña Regueiro afondan na obra de creación de Ramón de Valenzuela e non se esquece a análise da peza arriba amentada de Mariví Villaverde, da que se encargan Ana Acuña e Carmen Mejía, sendo esta última quen se responsabiliza de exhumar parte do epistolario da familia Valenzuela-Villaverde , onde abrollan algúns datos interesantes arredor do exilio galego bonaerense. Finalmente, a propia directora da publicación suscribe un capítulo centrado na dramaturxia de Ramón de Valenzuela, e no que ofrece unha interesante panorámica do teatro galego en Bos Aires, alén de ofrecer referencias pouco coñecidas ao labor de tradutora e actriz que Victoria Villaverde levou a cabo (na foto da dereita nunha homenaxe tributada pola AELG a carón de Mercedes Queixas).

    O libro enriquécese, ademais, cun cedé que incorpora unha antoloxía da obra dos autores estudados. Para quen lle interesen este contidos teño para min que esta é unha publicación chea de rigor e, o que talvez sexa máis relevante, redescobre a relevancia das actividades literarias, culturais e políticas de Valenzuela e Villaverde constituíndo unha xusta reivindicación.