Sangué sabur (tradución de Isabel García Fernández)
Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 108 páxinas, 14 €
Se hai libros que conmoven e remexen nos rescaldos das inxustizas e das senrazóns, sen deixar de construír un discurso literariamente atractivo, un deles é, sen dubidalo, este Sangué Sabur do autor afgán Atiq Rahimi, premio Gouncourt na súa edición orixinal en francés, que se publica agora en lingua galega nunha meritoria e acaída tradución de Isabel García, no selo cangués Rinoceronte.
O seu título remite á chamada “Pedra da paciencia” da tradición musulmá, isto é, unha pedra negra, fermosa e máxica que é a destinataria dos laios, das confesións, das miserias e dos segredos de alguén, que zuga as palabras ata que chega a estoupar. Ese xogo simbólico domina unha novela curta na que non se dá respiro, nin hai ocasión para segmentar a súa lectura pois, moi conscientemente, a súa estrutura e a súa intensidade demanda case que devorala, sendo practicamente imposible ou inevitable non involucrarse nas claves máis significativas dun discurso confesional que unha muller emite diante do corpo do seu marido, ferido de bala na caluga e prostrado nun leito coma un vexetal. É nese discurso desa muller innomeada, obxectivado como a única liberación posible, onde se revelan as claves dunha existencia pexada pola tradición histórica, pola lousa que implica o extremismo relixioso, polas consecuencias da guerra e da violencia indiscriminada, polo sometemento e submisión da muller até límites que van moito máis alá do que se poida sospeitar; é nese discurso onde unha vítima máis subverte as normas e relátalle ao seu home o que nunca sería quen de dicirlle, noutra situación distinta, configurándose como un personaxe cheo de afouteza e rebeldía, de contradiccións e arrepentimentos, que chega a acreditar en que está enfeitizada mais que simboliza esa voz “soterrada desde hai milleiros de anos”.
A atmosfera ofegante que domina o relato, o estilo sobrio e marcado por unha intensidade que golpea os sentidos e, sobre todo, o cerne esgazador e cruel do argumento fan desta peza un libro estremecedor que agora temos a fortuna de ler en lingua galega.