As fiandeiras
Ed. Galaxia, Vigo, 2011, 108 páxinas, 14,50 €
Antonio Piñeiro é un editor artesanal responsable do selo Bourel, no seo do que ten ofrecido auténticas alfaias que evidencian unha intensa e convencida profesión de fe cara ao universo dos libros; profesor e mais tamén autor de diversos libros conseguiu hai algúns meses o premio de novela García Barros que agora se publica da man da editorial Galaxia. As fiandeiras, tal é o seu título, é unha novela breve guiada por un criterio que persegue condensar, nunhas poucas páxinas, as evocacións suscitadas na memoria dunha aprendiz de costureira, agora xa madura, que recorda as experiencias dun tempo e dun espazo que xa cambiaron de vez.
Un dos elementos de interese desta proposta, non sei se o fulcral, non só descansa nunha trama que nos interna nunha vila galega como é A Estrada, nun contexto moi concreto omo é o das Xuntas Revolucionarias e os primeiros anos da Revolución de 1868. Esta atmosfera, escasamente recreada na nosa tradición literaria, é a que acolle, desde unha perspectiva que non perde a inocencia, a enxurrada de acontecementos vividos nun campo de batalla que espella moi limpamente a loita de poderes -esta si, válida tanto antes coma agora-, nun tempo de guerra en que o debate estriba entre o progreso e o reaccionarismo, entre a liberdade e o absolutismo, con intereses económicos, ideolóxicos e mesmo relixiosos por detrás. É aí onde se reclama o dereito á educación, á igualdade e á unión no mundo do traballo para revivir asemade o mito de Aracné, esa tecedora rebelde, cando unhas fiandeiras pretenden procurar unha solución máis xusta e menos escravista para o produto do seu traballo: un novo David contra un Goliath enorme e poderoso. Mais o realmente rechamante e orixinal resulta o tratamento que Piñeiro lle outorga á propia materia narrativa, isto é, esa intensidade que latexa nunha estudada xustaposición de situacións descritas, onde os personaxes aínda que solventes e ben caracterizados -o cura don Álvaro, a Tía Escobar ou A Chiva e o coro, por veces individualizado, das propias fiandeiras-, non son na realidade o importante, pois a meu entender funcionan como ferramentas operativas que nos levan ao ámbito da suxestión, ao obrigado exercicio de reconstruír o que só se perfila con poucas, exactas e xustas palabras ordenadas a través dunha estrutura fragmentaria que, cando se está nela, require un activo esforzo de participación que vaia cubrindo lagoas e indeterminacións, conformando así unha reconstrución das situacións e onde é de xustiza reparar tanto no extremo coidado depositado no rexistro lingüístico que exhibe coma no ritmo abertamente lírico que a envolve, trasladándonos, con limpeza e en poucos trazos, ás sensacións que podemos atopar nos espazos abertos e neses pequenos detalles a través de obxectos, cores, acenos, olladas cómplices ou non.. e, sobre todo, a través da relevancia outorgada ao ousado protagonismo feminino nos desexos de xustiza e igualdade na Galicia do século XIX.
Un coñecido autor afirmaba nun poema que sentía preto a esperanza “fiando, fía que fía”. Non atopo mellor final, falando de fiandeiras, que un que mire cara á esperanza de que este autor continúe avanzando con propostas tan intensas, tan coidadas e de inspiración case artesanal como esta que hoxe me ocupou.
Este texto publicouse baixo o título de “Pulcra ourivería”, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 3 de marzo de 2012.