Zeca Afonso, vinte e cinco anos despois

Zeca Afonso morreu vai agora para vinte e cinco anos. A mellor proba da súa vixencia como músico e como letrista, como símbolo dun tempo, supoño que tamén repousa na evocación da súa presenza e no que transmitía coas súas cancións. No meu caso, e estou certo que non serei un caso único, lembro a súa figura emocionada  nun concerto multitudinario celebrado no auditorio de Castrelos de Vigo o 31 de agosto de 1985, un par de anos antes do seu pasamento: un saudoso concerto que semellaba non ía rematar nunca e que durou horas e horas, coa intervención dunha manchea de voces musicais e poéticas. Aquel recoñecemento que Vigo, Galicia e xentes anónimas lle rendiamos á súa música e ao que simbolizaba perdura na miña memoria, nestes tempos máis que nunca.