Cartafol de néboas, de Xosé M. Lema Mouzo

Xosé Manuel Lema Mouzo

Cartafol de néboas

Anosacosta Edicións, Santa Comba, 2010, 80 páxinas.

 

Chega ao meu poder, con certo retraso respecto da data da súa aparición, un singular libro da man do xornalista e escritor Xosé M. Lema Mouzo, baixo o título de Cartafol de néboas e prologado por Xulio L. Varcárcel. É este un volume, ao meu xuízo, onde se cadra o mellor repouse na apaixonada vontade autorial de recorrer á linguaxe poética para darlle forma a unha sorte de caderno de bitácora onde deixar plasmado ese universo que rodea ao poeta e onde a paisaxe humana e afectiva da Costa da Morte adquire un papel  preponderante.  Mentres, como pano de fondo, agroman aquí e acolá  vivencias de corte máis persoal e íntimo como se advirte na intención de testemuñar feridas -ausencias e despedidas- e de se internar nesoutro ámbito do sentimento como é o amor, cun recorrente devezo por intervir activamente contra as inxustizas e as agresións, territoriais, individuais ou colectivas, translucindo un nada oculto espírito  reivindicativo e belixerante.

    É este un exercicio lírico plural e vario -particularmente quedo cos poemas de inspiración máis visionaria-, dominado tanto do desacougo que imprime a existencia como polos ferrados de memoria aquí expostos, alén desa absoluta confianza nas posibilidades que ofrece a palabra poética.