María Reimóndez: "Experimento co estilo"

(Foto de Achim Wagner)

María Reimóndez (Lugo, 1975), vive en Vigo e exerce como tradutora e intérprete. Recibiu numerosos galardóns literarios e realizou diversos traballos de investigación e divulgación sobre feminismo. Fundou en 1998 a ONG “Implicadas no Desenvolvemento”, que preside na actualidade, e da que falamos nesta entrevista. Para adultos, entre outros títulos, publicou O club da calceta (traducido ao castelán en Algaida) e Pirata. A súa próxima  novela –En vías de extinción– aparecerá en galego a primeiros de maio e en castelán a final de ano na editorial compostelá “KNS Ediciones”.

Como tradutora a súa última achega reflíctese en Despois da medianoite, de Salma. Fáleme desta experiencia concreta.
Para min foi sobre todo unha gran responsabilidade. Para as persoas que entendemos a tradución como unha práctica ética na que o poder desempeña un gran papel, traballar coa voz de “a outra”por excelencia requiría unha serie de estratexias moi reflexionadas pola miña banda. Ademais foi un gran pracer dado que é unha novela magnífica, chea de matices e capas de lectura.

Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club… achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutís ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás  lesbianas/bisexuais en particular.

E onde radicarían as diferenzas destas novelas?

As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.

Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta!

Coordina dende hai tempo a ONG Implicadas no Desenvolvemento, cales son os seus obxectivos?
Os obxectivos son promover unha conciencia crítica na nosa sociedade en xeral e en Galicia en particular sobre como nos relacionamos cos pobos do Sur dende un punto de vista de xénero. O noso traballo é político e crítico e nel a cultura como ferramenta de cambio e de alianzas coas activistas do Sur ten un papel fundamental. Nese marco entendo tamén a tradución de Salma, a quen primeiro traducín para un libro da organización, Vanakkam-Benvidas, de poetas galegas e támiles.

Esta entrevista publicouse no número 174 da revista Qué leer, na sección “Letras gallegas”. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.