Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

Antón Riveiro Coello

Laura no deserto

Galaxia, Vigo, 2011, 732 páxinas, 28 €

Acometer un proxecto narrativo que beirea a monumentalidade como este que Antón Riveiro Coello ofrece aos lectores desde hai unhas semanas asumía inequivocamente uns riscos, e non penso tanto na súa densidade como no feito de situarse á altura doutros textos da súa autoría como foron As rulas de Bakunin ou Os ollos de K por só citar dous exemplos. Esa impaciencia, por coñecer e confrontar os camiños polos que o autor limiao decidiu transitar, vai acalmándose e convértese en gozo ao poder achegarse ao que é xa unha novela fundamental na súa traxectoria e que, ao meu xuízo,  mesmo reactiva con solvencia a pervivencia e fortaleza deste xénero entre nós.

    Un dos motivos da anterior aseveración, que talvez poida semellar hiperbólica mais que eu advirto como xusta, poderíase cifrar na estrutura adoptada, ao meu ver milimetricamente estudada e composta na realidade por catro novelas que se apropian de elementos diferenciadores que se rastrexan nos diferentes estilos, fontes ou recursos narrativos empregados: velaí a xinea de novelas raianas coa modelo policiaco ou folletinesco, as da memoria histórica ou mesmo as que afondan en temáticas de orde sentimental, entre outras. É xustamente esa armazón a que facilita a axilidade no avance dunha trama cunha estrutura itinerante que nos convida a internarnos, con intención contrapuntística, por espazos e paisaxes diversas como son Barcelona, Compostela, a Europa da Segunda Guerra Mundial, a Pobra do Caramiñal ou Nova York. A esta pluralidade de xeografías correspóndelle tamén unha palmaria polifonía de historias e voces narradoras que van adquirindo forma, por veces de xeito sorprendente e inesperado, en ocasións demandando certa esforzo ao lector, mais dominadas sempre polo interese depositado na suxestiva resolución dun enigma, de varios enigmas, que parten dunha carta que remexe os rescaldos do pasado familiar oculto e que nos conducirá polos socalcos vitais dun intelectual en Compostela até a pretensión, por parte  dun fotógrafo retirado en Brooklyn, de salvar un amigo ou esa fermosa e conmovedora historia dunha muller aferrada á memoria que, pouco a pouco, se vai esvaendo.

    Ademais, Riveiro debulla, cunha intención globalizadora, unha visión sobre conceptos como a memoria, tanto a individual como a colectiva coa que se funde; a identidade; a reconstrución dun eu que se procura proxectándose nos demais; o amor; o sentimento de culpa ou a verdadeira dimensión da liberdade, afondando nesas aristas máis complexas e aguilloantes, por veces atroces, do ser humano. Algo que, no fondo, non sorprende pois xa moitos motivos agromaran, dun ou doutro xeito, na súa anterior obra narrativa mais que talvez aquí adquiran un fulgor un tanto distinto.

     Con Laura no deserto ocórreme o que por veces sinto ao ler un gran libro: percíbese o grande esforzo autorial que se ofrece a quen queira achegarse a el e que aquí subxace liña tras liña, en cada parágrafo ou capítulo. Por todo isto non é difícil conxecturar que este será un título perdurable, vizoso e felizmente asociado á fértil traxectoria do seu autor.

Esta reseña publicouse no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 10 de marzo de 2012, baixo o título de “Memorable novela”.