Desobediencia
A Porta Verde do Sétimo Andar, Vigo, 2011, 44 pp., 8 €
Cheguei a Desobediencia hai algunhas semanas, a través da recomendación duns amigos libreiros e a súa lectura impactoume de tal xeito que as notas de lectura quedaron remoendo e repousando durante algún tempo. Relino estes días pasados con máis vagar e confirmóuseme esa primeira sensación de estar diante de algo distinto, do que xa avisa con tino o seu prologuista Anxo Angueira. Rosa Enríquez, autora de Unicrom (2009), dalgúns poemas no volume colectivo Sétimo andar. Poesía alén (2010) ou do magnífico poemario Vestíbulo da devastación (2007) dá un paso cara adiante e aséntase con este libro como unha das voces máis orixinais e lúcidas dos últimos tempos.
Nalgunha declaración Enríquez afirmou que este libro se nuclea desde a necesidade de romper as imposturas da palabra para pasar á acción, entendendo a desobediencia coma un acto ético. Sen dúbida, algo disto hai nun poemario breve e ao tempo intenso no que a poeta apunta, e dispara, contra moitos dos males do noso tempo -insolidariedade, incomunicación, capitalismo atroz, violencia xenérica…- desde as estremas da ruptura, a insubmisión e a rebelión, algo palmario desde a asunción de diferentes rexistros lingüísticos (por veces dialectais) como son o galego, castelán ou francés, mais tamén desde unha actitude autorial na que a cada páxina esculca para achar o inesperado e o sorprendente, asumindo con afouteza todas as consecuencias derivadas da elaboración dun discurso desacougante articulado a través de catro bloques (“Poemas que non din nada”, “Poemas que din todo”, “Des morceaux d’amour et tristesse” e “Quelques morceaux pédagogiques”), pragado de símbolos tirados do ámbito natural, onde non é difícil seguir as pegadas do proceso de creación poética.
Todo isto alicérzase desde a construción dunha metáfora en clave liberadora a través dun diálogo confrontado entre Antoine e Pauline, esa muller que sangra versos, testemuñando unha atracción existente mais tamén un enfrontamento ollado desde un necesario proceso de reflexión e distanciamento. Deste xeito é como se posibilita articular unha resposta voraz, desobediente e heterodoxa diante da relación sentimental, diante das normas sociais e do establecido, non sei se para pechar ou abrir feridas ou para deixar constancia delas. Fendas que, de calquera xeito, resultan operativas para interrogarse sobre o noso tempo.