Reabre a Libraría Cartabón

Un compromiso adquirido con anterioridade non me vai poder permitir compartir mañá algo tan festivo, e realmente raro nestes tempos, como é a reapertura dunha libraría. Falo da Libraría Cartabón, que xa viña sendo desde hai anos un magnífico espazo de encontro arredor dos libros e da literatura, da man  de dous extraordinarios profesionais e amigos como son Gonzalo e Maribel. Estou certo que desde mañá han seguir conducindo esta libraría coa mesma  fe depositada no futuro do libro e do libro galego en particular, que sempre dispuxeron no lugar máis escolleito do seu local constituíndo  o seu auténtico símbolo de identidade.

      Beizóns para esta nova Libraría Cartabón, que ademais reclama a vixencia da lingua de noso a través dun fragmento dese ferreiriano “Deitado frente ao mar”, tan acaidamente seleccionado neste ano Ferreiro e que incorpora con orgullo na súa fachada: poesía de primeira na rúa para uns libreiros de primeira. Grazas por estardes aí (as fotos son de Raquel Pérez).