Chega aos quioscos e a moitos domicilios, un novo número de Biblos para o que escribín, na sección “Breviario”, este pequeno texto que reproduzo abaixo.
1. Entendo como interesante e vivificadora a iniciativa que leva da man dúas celebracións como son a do Día das Letras e o recoñecemento institucional, por diversos motivos, tributado á obra dun autor ou autora, correspondéndolle este ano a Celso Emilio Ferreiro por mor do centenario do seu nacemento. Son da opinión que os dous focos de atención literaria poden convivir acaida e vizosamente.
2. No momento en que isto escribo a atención bibliográfica dedicada a Valentín Paz-Andrade ofreceu, como froitos salientables, alén da posta en marcha dun web, tanto a reedición actualizada do libro de conversas que Tucho Calvo mantivo co polígrafo pontevedrés como unha achega orientada ao mundo do ensino que subscribe Charo Portela; ambos os dous libros, ao meu ver, referenciais desde agora. Sei que serán máis os traballos que irán chegando -da autoría de Xan Carballa ou Carlos Callón, entre outros- que de certo se engadirán co preciso rigor ao proceso de revisión e popularización que Paz Andrade demandaba desde había algún tempo.
3. No que se refire ao celanovés, ata o de agora, esta celebración xa ofreceu algúns froitos como un necesario web, alén da reedición dun monográfico editado pola Asociación Arraianos e mais unha edición bilingüe galego-castelá de Longa noite de pedra. Son diferentes e variados os asedios que se realizarán respecto da súa faceta biográfica e, sobre todo, literaria; alén da recuperación doutros textos xornalísticos, da celebración de congresos ou da gravación dalgúns audiovisuais moi prometedores, entre outras actividades, iniciarase a proxección de parte da súa poesía cara ao exterior como testemuñará a tradución ao inglés de Longa noite de pedra, a cargo de Jonathan Dunne e mais a probable edición en francés do mesmo título.
4. Ábrese arestora o período de tempo no que comeza a se facer balance do publicado o ano 2011 de cara a salientar, a través dos galardóns que organizan diversas asociacións –AGE, AELG, Premios da Crítica Galicia, Premios da Crítica Española… e outros-. Son da opinión de que non vai ser doado elixir, fundamentalmente no que a narrativa e poesía se
refire…, hai onde escoller con garantías, nunha manifesta e ricaz pluralidade.