Pallarega
Toxosoutos, Noia, 2012, 348 páxinas, 16 €
Non se estrea con esta densa novela Marcelino Fernández Mallo na narrativa en lingua galega pois no seu haber cómpre non esquecer tres entregas que viron a luz anteriormente como foron Cabilia, A trenza e mais Klásicos.
Nesta ocasión abéirase o autor a un esquema de xinea clásica que avanza linealmente e que, ademais, adopta unha perspectiva igualmente ortodoxa, unívoca e nunca contrastable con outras voces posibles, coa vontade de deseñar o universo vivencial que espellará a vida do protagonista, Nicolás Traseira, desde que este vén ao mundo aló polos anos trinta do pasado século até, talvez, a súa madureza ou, se se quere, a metade da súa vida, pois a novela morre dun xeito abrupto coma se a presente constituíse a primeira parte dun proxecto ideado para gozar de continuación.
A relevancia das orixes rurais no perfil do personaxe, que se arraízan no espazo físico da Pallarega, fican remarcadas ao adoptar este topónimo como operativo para bautizar unha novela que posibilita ir percorrendo as vivencias do devandito Nicolás Traseira desde as experiencias sufridas na guerra civil ata os pasos dados en diversos lugares como Madrid, Morgade (Viveiro), A Habana ou A Coruña como referentes fundamentais.
O discurso memorialístico que aquí se ofrece, emprazado no gume da realidade e dunha suposta ficción, transloce a intención de espellar un tempo moi concreto e mais unhas circunstancias vitais singulares co obxectivo de converter en materia narrativa, e loxicamente é moi lícito que así se pretenda facer, unha enxurrada de evocacións que resultan lamentablemente monocordes pois a adopción dun único punto de vista lastra a precisa dinamización e mais a viveza que un discurso deste tipo debería atesourar. Esta suma de recordacións, que non discuto han ter un valor persoal e que encerran unha innegable riqueza expresiva desde o punto de vista lingüístico, dificilmente logran suscitar o interese pois en moitas ocasións resultan previsibles chegando a converterse as máis das veces nunha sucesión de relatorios, en tantas ocasións de fondo case antropolóxico, por veces adobiados con tintes irónicos.
Ademais, a inadecuada presenza de fragmentos discursivos en castelán, sexan estes de carácter documental ou dialogal, sospeito que en aras dunha pretendida verosimilitude, é xa un recurso tan superado e pouco acaído que particularmente nunca pensei volver achalo nunha proposta narrativa contemporánea, articulada en definitiva como un conxunto de “sucedidos” expostos a xeito de semblanzas, aos que lles falta a argamasa precisa para se uniren e amalgamarse con solvencia. As expectativas que se incorporan na contraportada do libro, concretamente as que afirman que o protagonista da novela, Nicolás Traseira, “pasará á historia da literatura galega” coido que, fóra de seren lícitas, resultan cando menos hiperbólicas.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 17 de marzo de 2012 baixo o título de “Tránsitos dunha vida”.