De xente nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde, de Xosé Fernández Ferreiro

 

Xosé Fernández Ferreiro

De xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde

Xerais, Vigo, 2012, 176 páxinas, 16,15 €

 

Lin con atención e interese esta entrega de Xosé Fernández Ferreiro, situada a cabalo entre a crónica e o exercicio xénero memorialístico; un libro inspirado, como se confesa no limiar do mesmo, nunha intervención que Fernández Ferreiro ditou  no seo dunha homenaxe tributada no antigo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil hai algún tempo e organizada polo Pen Clube de Galicia.

   O certo é que este volume enriquece notablemente o xénero entre nós pois é abondosa e intensa a cantidade de información e documentación, de estimable valor histórico e sociolóxico, que o autor de Nogueira de Ramuín deita nestas páxinas. Algo especialmente operativo para coñecer, de primeira man, capítulos da nosa historia literaria -tamén cultural e política- máis recente, sendo algúns protagonizados por quen nolos relata e noutros actuando como testemuño fiel do acontecido. É este, así pois, un libro de intención propedéutica, agás se cadra nalgúns brevísimos capítulos, que transitan por anécdotas pouco substanciais mais que entendo como recurso para distender a lectura. É máis relevante, ao meu ver,  esa evocación do camiño percorrido desde a agrupación denominada “Xente Nova” até os anos de “Brais Pinto“, grupo este último que cada vez máis demanda unha rigorosa e clarificadora análise pois sen dúbida o seu labor vai cobrando outra dimensión do que ata agora se recolle nas investigacións ou interpretacións máis ao uso, sobre todo pola vontade renovadora, ou se se quer pioneira, que desenvolveu  en moitos ámbitos.

    Esta achega supón un certeiro avance na recuperación dos fíos soltos e do que significou Brais Pinto baixo o punto de vista dun dos seus integrantes, desempoando capítulos talvez esquecidos polo paso do tempo ou, nalgúns casos, ocultados ou minimizados. Cómpre agradecer o esforzo que Fernández Ferreiro depositou en fiar todas as lembranzas e ofrecérnolas mercé un rexistro rápido, fluído e altamente informativo. Para quen isto subscribe, que  gusta moito destes libros, supuxo unha lectura ben proveitosa.