Poesía en Tambo: Os ángulos da brasa, de Álvarez Torneiro e Alén da fronteira. Sete poetas vascos

Manuel Álvarez Torneiro

Os ángulos da brasa

Tambo-Faktoría K de Libros, 112 páxinas, 12 €

 

VV.AA.

Alén da fronteira. Sete poetas vascos (tradución de Isaac Xubín)

Tambo-Faktoría K de Libros, 152 páxinas, 13 €

 

A colección poética “Tambo”, dirixida e coordinada polo xornalista e escritor Luís Rei Núñez ofreceu, no seu percorrido, un apreciable e relevante corpus poético ao que cómpre recorrer de querer historiar a lírica galega máis recente. Con todo, o ano 2006 a Deputación de Pontevedra decidiu interromper a súa colaboración para que Tambo seguise un camiño que deitaba, daquela, un saldo de máis de trinta volumes. Seis anos despois cómpre felicitarse por ver outra vez este proxecto en marcha, nesta ocasión da man de Faktoría K de Libros que fai posible, co seu apoio, esta reestrea da colección que segue dirixida por Luís Rei, perseverando nesa especial que se lle outorga á tarefa de singularizar esteticamente cada volume a través do concurso de diversos ilustradores como, neste caso, testemuñan as intervencións de Ángel Cerviño e Fausto Isorna.

<<Os ángulos da brasa>>

       Retorna con este volume Manuel Álvarez Torneiro á casa na que, xustamente, publicara tres importantes libros da súa traxectoria como foron Epicentro (2003), Setembro Stradivarius (2004) e, o último poemario ata o presente titulado Parábola do incrédulo (2006).

    Particularmente entendo Os ángulos da brasa como unha achega relevante dentro do seu corpus poético, desde as instancias do propio título que fai pensar nas posibles perspectivas desde as que abordar un símbolo central: a combustión conclúe, o lume esmorece mais aínda irradia unha calor abonda e potente que se magmatiza nestes versos. Dividido en tres partes -‘Trama de vida’, ‘Terreal e sagrado’ e ‘Tapiz de cinsa’- Torneiro adopta aquí unha ollada na que o diálogo é unha constante: diálogo coa literatura, mais tamén coa pintura, coa música e con outras artes. E é xustamente nesa dinámica cando o discurso do poeta repousa e vai adquirindo forma un dos trazos máis definitorios do poema como é o ton confesional, o coidado formal do verso e mais o labirinto que representa a memoria que se domea unha e outra vez e que conduce a crer que este libro tamén é un testemuño, espido, libre e contundente dese ineluctable paso do tempo, constatable nos pequenos detalles e nas pequenas cousas, sen deixar no abandono a recorrente procura da beleza a través da palabra que serpea polas estremas do amor, da dor ou da propia morte. Motivos que son inquiridos con teimosía, desde os que agroman reflexións, pensamentos e vida para que a viaxe “non remate nunca”.

<<Alén da fronteira. Sete poetas vascos>>

      Significa este segundo libro da nova época de “Tambo” unha sorpresa pois vehiculiza a posta en marcha das sempre necesarias edicións poéticas bilingües que neste caso chegan do acaído traballo de Isaac Xubín, que traduce directamente do éuscaro un monllo representativo de voces da lírica vasca contemporánea. Ao tempo, non resulta secundario o limiar que subscribe José Ángel Irigaray pois este sintetiza, nunhas poucas páxinas, a historia da lírica en éuscaro ata a actualidade, o que posibilita obter unha visión da tradición na que se insiren estas sete voces escolmadas que representan Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, o xa falecido Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia, todos eles unidos por daren a coñecer a súa obra con regularidade a través da editorial Pamiela.

    Difícil, por non dicir imposible, dar conta aquí de xeito individual dos trazos comúns destas voces alén de seren recentes e inscribírense unitariamente no sistema literario éuscaro. Talvez, aínda correndo o risco de simplificar e xeneralizar de máis, fóra das lóxicas singularidades, todas eleas se amalgaman pola adopción recorrente dunha linguaxe simbólica, polo uso da ironía e pola asunción do compromiso social. En moitas ocasións tamén se contaxia a fe na palabra e nos libros, como sinala Anselmi no poema “Insomnio”: “vagamos sen rumbo, / pedimos axuda aos libros / que nos acompañan en silencio / deica o arrabaldo da próxima cidade…”. Unha oportunidade para coñecer, quen estea interesado, outras voces poéticas agora máis perto.

Este texto publicouse o 24 de marzo de 2012 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Volve Tambo”.