Exposición multimedia Celso Emilio Ferreiro (Novas CEF XXV)

O Punto de Información Multimedia Celso Emilio Ferreiro inaugurouse este luns, 26 de marzo, na Biblioteca Nodal de Santiago de Compostela. A exposición, que permanecerá alí durante dúas semanas, mestura contidos virtuais con obxectos persoais do escritor celanovés.

      O Punto multimedia consta dunha pantalla de 46 pulgadas cun interactivo dinámico baseado no concepto de liña de tempo, que permite coñecer e navegar polo universo literario e persoal do poeta a través de diferentes apartados referidos á súa traxectoria vital, obra, fotografías ou ao son da súa voz.

     Xunto a esta pantalla interactiva, hai instalada unha Mesa de luz na que se mostran obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro como as súas gafas, as súas cartas ou a súa máquina de escribir.

     O Punto multimedia achegará a figura do poeta celanovés á cidadanía, itinerando durante todo o 2012 -ano en que se conmemora o seu centenario- polas bibliotecas nodais e centros de ensino de Galicia (vía Ouvirmos).