Proxección exterior da narrativa galega (I) [Textos]

En novembro do ano 2008 convidóuseme a participar no denominado VI Encontro de Escritores Galegos en Mariñán que contou como tema central Literatura e proxección exterior. Alí expuxen un relatorio que levaba por título “Proxección exterior da narrativa galega” e que agora, catro anos despois, ve a luz na cuarta entrega dos denominados Cadernos de Mariñán, nunha edición ao coidado dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e mais Luciano Rodríguez. Miro Villar, na súa excelente bitácora As crebas publicou unha recensión completa da publicación que se pode consultar aquí. Pola miña banda reproduzo en dúas entregas a miña colaboración que, malia pasaren xa catro anos desde a súa exposición e redacción, e con datos que cumpriría reformular, deixo aquí para quen lle interese.

PROXECCIÓN EXTERIOR DA NARRATIVA GALEGA (I)

Que a nosa creación literaria, nomeadamente a narrativa, posúe indiscutibles méritos para se proxectarse no exterior é, ao meu ver, unha verdade incontestable. Ao pouco de botar unha ollada comparativa entre as novidades de sistemas literarios próximos, léase portugués, castelán, catalán ou, por medio das traducións, o que se dá noutros sistemas como o éuscaro, chégase á conclusión de que, e non quixera que esta se entendese como unha frase chauvinista, que a nosa produción literaria posúe, alén dun ritmo e unha dinámica propias e singulares, moitas das esixencias que unha gran literatura require, polo talento dos seus actores, pola calidade, excelencia e heteroxeneidade das súas propostas, para proxectarse alén das nosas fronteiras.
Mais, particularmente, de que falamos cando falamos da proxección exterior da narrativa galega? Gustaríame lembrar que existe unha publicación na rede que recolle en máis de 700 páxinas un catálogo de obras literarias galegas traducidas a outros idiomas; esta publicación, que non tivo continuidade malia se presentar como unha primeira achega no ano 2003, explicita que, evidentemente, non partimos de cero, aínda que é preciso, nestes tempos, potenciar esta proxección ao exterior.
Entendo, así pois, que aquí cómpre cando menos falarmos de dous niveis de actuación esenciais: a influencia ou “o-que-se-pode-facer” desde as institucións propias, por unha banda, e a influencia ou “o-que-se-pode-facer” desde as empresas privadas, nomeadamente, as editoras galegas, abríndose aquí un espazo fundamental como é o do mercado e, concretamente, o do mercado exterior. Ambos os dous niveis, nalgunha medida conectados, están tamén condicionados, ao meu ver, por unha realidade inexcusable como é o exercicio da tradución, da tradución de textos galegos cara a outras linguas.
No primeiro dos apartados, isto é, a proxección que a nosa narrativa ten no exterior promovida polas institucións autonómicas, que tamén deberían ser estatais, poderíase falar, no vector académico, do labor de difusión da nosa literatura desenvolto no seo dos denominados “Centros de Estudos Galegos” dos “lectorados de galego” nas universidades que, segundo os datos que puidemos conseguir, esténdense nun total de corenta e un centros en todo o mundo e que actúan como focos de información e espallamento da literatura galega, aínda que non só, e que poderían abranguer unha media de dúas mil persoas informadas anualmente de que existimos e de quen somos; centros que as máis das veces están integrados como cátedras de lingua e cultura galegas as máis das ocasións sustentadas polas achegas económicas da Xunta de Galicia. Sen dúbida trátase dunha presenza que podería verse como anecdótica, mais eu coido que é moi importante e da que os seus froitos poderán verse nun futuro próximo.
Outra iniciativa, de corte institucional, e que coido que pode deitar resultados rendibles a curto ou medio prazo, é a presenza das editoras galegas, ao abeiro os máis dos casos de stands institucionais, nas principais feiras de libro do mundo. A presenza de Galicia como país convidado na Feira do Libro da Habana en 2008 resulta, ao meu ver, paradigmática –polémicas fóra e dío alguén que non foi convidado malia participar en parte na redacción dun volume antolóxico de poesía galega- pois por vez primeira o noso país entra sen tutelas nestes ámbitos que son un mostrario internacional de primeira magnitude, e iso é sempre positivo. Ao fío desta iniciativa, que segundo parece gozará de continuidade, o feito da creación do web Galicianbooks.com, coa sección especial de dereitos en venda, coido que abre un camiño interesante e positivo para promover internacionalmente o libro galego. Con todo, malia existiren subvencións institucionais –as da Xunta de Galicia sobre todo  e destinadas a empresas editorias para publicar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en lingua galega- coido que aínda son claramente insuficientes, estando destinados na convocatoria do ano 2007 un total de noventa e cinco mil euros, e con cargo aos orzamentos de 2008 un total de cento catro mil trescentos euros. A este respecto, malia recoñecer os avances realizados nestas propostas, gustaríame citar o exemplo finlandés que pode ser perfectamente aplicable ao noso caso. En Finlandia existe desde hai anos o denominado FILI (véxase http://www.finlit.fi/fili/en/) Finnish Literature Exchange, algo así como unha institución para o intercambio para a literatura finlandesa, concedendo cada ano 510.000 € en concepto de traducións e axudas á impresión a máis de 300 proxectos, prestándolle especial atención á tradución de obras da literatura finlandesa noutros idiomas . Alén disto o FILI dispón tamén de bolsas para viaxes, organiza seminarios e prácticas para tradutores principiantes e outros xa especializados, editan revistas e publicacións sobre a literatura finlandesa e manteñen unha base de datos sobre as obras traducidas, alén de participar en feiras e demais eventos literarios e organizar diferentes acontecementos para promover a prensenza da literatura finlandesa no mundo. Ao meu xuízo velaquí unha estratexia a imitar pola promoción da proxección internacional dunha literatura moi semellante, aínda tan distante, á nosa.