Brais, de Guillerme Coen

Guillerme Coen

Brais

Toxosoutos, Noia, 2011, 175 páxinas, 13,52 €

 

Tras A calor dun niño (2008), un conxunto de relatos de fondo compostelán e orientación “social-realista” se se me permite o termo, volve probar sorte o escritor Guillerme Coen, a finais do ano pasado, con Brais, unha novela á que eu chego un tanto tarde pero iso creo que non é nada relevante. Con pouca repercusión nos medios escritos, que eu saiba, Brais enténdoa como un paso máis cara ao que probablemente o seu autor poderá ofrecer no futuro. Abeirado a un rexistro absolutamente realista, en ocasións hiperrealista, Coen constrúe un discurso que avanza linealmente a través da figura dun rapaz que chega a Compostela para iniciar os seus estudos universitarios -deixemos á marxe que é o que estuda pois “Filosofía e Letras”, nun tempo histórico no que se manexan euros, resulta imposible-. Dunha sorte de revival parcial de La Casa de la Troya a novela transita pola relación sentimental que Brais mantén con Alexia, unha vella coñecida da Pobra do Caramiñal,  a quen xa trataba con anterioridade e que arrastrará un enfrontamento familiar de relevantes consecuencias para o final da novela.

       Ao meu ver o máis salientable desta entrega represéntao tanto esa vocación para a escrita que atesoura o autor como no feito de enfocar un traballo creativo destinado á literatura de consumo, da que sen dúbida estamos necesitados. No haber sitúo a solvencia na definición dos diferentes personaxes, a sinxeleza na súa estrutura e a pretensión de recrear o que se pode chamar “novela de iniciación”, sen esquecer a plasticidade na reconstrución desa eterna Compostela, mesmo a súa conclusión, non sei se sorprendente pero cando menos  moi efectiva e cinematográfica. No debe, ao meu ver, alén de certos ruídos incorporados no rexistro lingüístico,  a presenza dalgunhas pasaxes creo que mellorables de puírense un pouco, pois en ocasións resultan un tanto inverosímiles, sobre todo no que atinxe a certos diálogos mantidos entre os dous protagonistas. Malia isto, coido que prosas como a presente cómpre valoralas na súa xusta medida e entendelas, como dixen arriba, como un paso máis na traxectoria dun autor que debería ir avanzando nas súas propostas.