No hay tiempo para jugar. Relatos de niños trabajadores, de Sandra Arenal e Marina Chiesa

Libros do faiado

Sandra Arenal, Marina Chiesa

No hay tiempo para jugar. Relatos de niños trabajadores

Media Vaca, Valencia, 2004, 120 páxinas, 20 €

 

Estreo hoxe unha sección nova, ou subsección se se quer, no que traerei aquí de cando en vez lecturas realizadas no presente sobre libros publicados hai xa algún tempo e facendo unha excepción no que no meu traballo é habitual reparo nun libro publicado en castelán por Media Vaca vai xa oito anos… Un deses libros que, pola súa forza e intensidade, superan barreiras de todo tipo, sobre todo nun tempo como o actual no que unha situación de extrema dureza derivada da crise económica aboca a moitas familias a adoptar medidas desesperadas, que sempre acaban incidindo no lado máis débil.

     A orixe deste libro sitúase nos anos anos noventa, cando Sandra Arenal advertía que en México cada vez había máis e máis nenos e nenas  que, no canto de estudaren, vagabundeaban ou traballaban na rúa, na construción, no comercio, na pequena industria… Deste xeito optou, con extraordinario criterio, por cederlles a palabra a eses protagonistas que evidenciaban que algo non funcionaba  ben e acompañar este proxecto cunhas ilustracións de Marina Chiesa. É deste xeito  como se vai construíndo un discurso estremecedor: os nenos e as nenas, de oito a quince ou dezaseis anos,  falan no seu patois habitual da súa vida cotiá, das condicións dos seus traballos, do trato que reciben, das expectativas da súas vidas…, expresando nun ton de normalidade e naturalidade absolutas os abusos aos que son sometidos, sen rebelarse ou rebelándose ao seu xeito espellando así unha realidade que resucita o pesadelo máis teimoso de calquera das pasaxes narrativas de Dickens, mais esta totalmente real e onde non hai nada de ficción.

     Este libro é, pois, algo máis que un documento. Revela que permitir estas cousas, ou algo semellante, é sermos cómplices. É un berro de protesta que non perdeu actualidade e que cifraría nas palabras de Chon, un neno de doce anos, recadeiro de profesión -hai ocupacións peores: mineiro, prostituta, recolledor de lixo e de comida para porcos…-, cando di que xa non xoga á pelota nin a nada, pois “no tengo tiempo”. Que será, hoxe, de todos eles, de todas elas?