2044, de Eduardo Santiago

Eduardo Santiago

2044

Galaxia, Vigo, 2012, 312 páxinas, 14 €

 

Sorprendeume, e gratamente, este 2044 que supón a carta de presentación na narrativa en lingua galega de Eduardo Santiago. Gratamente digo pois incorpora á nosa tradición un estimable volume que se vén sumar con convicción  á xinea das novelas de ficción científica e porque o fai, ao meu ver, cunha solidez que convence tanto a lectores novos para os que nun comezo pode parecer estar destinada –velaí a colección “Costa Oeste” que o acolle- como aos adultos, e concitar a atención duns e doutros non sempre resulta doado.

     Nas súas páxinas, baixo a aparencia do relato do que acontece no aniversario de Lena, unha moza de catorce anos, adobiado con certo arrecendo ao que se podería considerar como unha novela de aventuras nun sentido clásico, constrúese un universo futurista no que o primordial é, por un lado, a relevancia que se lle outorga aos códigos numéricos  – referíndose a un novo sistema para contar, isto é, á numeración anaclítica binaria-, e por outro a articulación do que se dá en chamar a teoría dos “tempos imaxinarios” xunto coa posibilidade virtual de viaxar no tempo cara atrás.

     A presenza do enigma, ou enigmas, que se han resolver constitúe un elemento que indiscutiblemente turra da curiosidade de quen se achegue a este volume e o certo é que Eduardo Santiago recorre con habelencia aos recursos precisos para gañar axiña a necesaria complicidade e verosimilitude, conseguíndoo a través da dosificación tanto dunha trama imaxinativa, da man dun grupo de  diferentes e ben individualizados personaxes,  como dese universo que vai deseñando con vagar onde non é difícil advertir un conxunto de elementos prioritarios que saliferen todo a proposta como son a propia socialización dos personaxes máis novos –revelada como unha necesidade perentoria pois a aprendizaxe se realiza sempre desde a propia casa-, a organización das cidades, as tarefas que ocupan o desenvolvemente de diferentes profesións, a dinámica particular que adquiren as relacións no ámbito familiar, o innegable espírito de preocupación pola natureza e, talvez con maior teimosía, a relevancia do mundo vinculado cos códigos numéricos, esenciais  para as ferramentas insustituíbles como son os ordenadores, para a propia formación académica e persoal e mesmo para a xeración de diferentes teorías científicas.

     2044, alén de ser, por dereito propio, unha novela á que se lle imprime un ritmo fluído posibilita formularse unha chea de interrogantes entre os que subliñaría  se esta sociedade que se perfila será a que nos agardará en apenas trinta anos. É inevitable, ao tempo, non pensar nisto con certo desacougo, sobre todo logo de saber que Orwell non andaba no seu día tan desencamiñado.

Este recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 31 de marzo de 2012, baixo o título d´”O futuro que peta na porta”.