Propostas para un Día Internacional do Libro Infantil

Hoxe é o Día Internacional do Libro Infantil. Unha data que este ano fica un tanto deslucida por cadrar en período semi-vacacional e que cumpriría promocionar canto se puidese. Nesta liña velaquí o texto que a sección mexicana do Ibby solicitou ao escritor Francisco Hinojosa para festexar a data e que atopo traducido ao galego en trafegando ronseis; o cartel anunciador nesta ocasión vén da man do ilustrador Juan Gedovius.

    Son moi numerosas as invitacións de lectura que poderían realizar, afortunadamente, dentro deste xénero de tan celmosa tradición entre nós.  Escollo, un tanto aleatoriamente, entre as novidades coas que conto á man agora, algúns destes títulos chegados ás librarías hai pouco tempo.

     Ramón Caride Ogando ofreceu, case simultaneamente, dous títulos como son Catro amigos pillabáns, con ilustracións de Manuel Uhía e mais A pomba dona Paz, nesta ocasión acompañándose das propostas visuais subscritas por Pepe Carreiro, ambos os dous títulos, por certo,  en Edicións Xerais de Galicia. Neles parte da común asunción dunha serie de valores que son propios da produción de Caride, entre os que resultan salientables aquí os da tolerancia e o respecto á liberdade; ben que no primeiro articula un relato de xorne aventureiro e imaxinativo, adoptando un esquema de fábula cunha estrutura de carácter itinerante, mentres que no segundo fai fincapé en cuestións máis estreitamente  vinculadas coa ecoloxía, as desigualdades sociais ou a propia convivencia nas aulas, nun texto orientado esencialmente para quen van comezando aínda a achegarse á lectura autónoma.

     De Kalandraka, que precisamente hoxe está de aniversario, salientaría unha achega titulada O artista que pintou un cabalo azul, de Eric Carle. Trátase dun libro, en formato álbum, que chega en tradución de Chema Heras e que incorpora unhas ilustracións a gran formato creadas coa técnica de colaxe con papel de seda pintado. Na súa orixe articúlase como unha homenaxe visual e narrativa a Franz Marc: un ilustrador alemán absolutamente innovador e pouco recoñecido no seu tempo. Neste sentido Carle, inspirado no devandito traballo de Marc, ofrece unha atractiva e singular achega  onde o xogo coa pluralidade cromática, en tantas ocasións inesperada, resulta un dos seus eixes principais e traslada o discurso narrativo ao ámbito do visual. É difícil aquí non sentirse  sorprendido por esa aposta que subverte, imaxinativamente,  os esquemas pictóricos realistas e que se afasta, así, das visións máis tradicionais que os “artistas”, xustamente ao contrario do que protagoniza o libro, levan dentro.

       Por último, chamo a atención cara a outro volume constituído por este tándem que responde a  Pinto & Chinto e que tan excelentes froitos veu deixando aquí e acolá desde hai algún tempo. Trátase do título Os xogos olímpicos de Ningures, editado en Galaxia xunto con outros tres títulos máis na colección “Árbore”, e que permite achegarse ao mundo do deporte desde as instancias do humor e mais o enxeño, facendo uso de moitas doses de perspicacia, imaxinación e habilidade narrativa, sen esquecer a pegada do absurdo ou do nonsense, entreverado sempre coa aplicación dunha visión sempre respectuosa e case raiana coa tenrura. Un libro que obriga a ler cun sorriso, sexa a idade que for.