Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cráter, de Olga Novo

Olga Novo

Cráter

Toxosoutos, Noia, 2011, 193 páxinas, 14 €

 

Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar cun exercicio sinxelo pero revelador como sería realizar unha antoloxía de versos que por el circulan e penduralos en post-it para cubrir algunha parede libre  segundo os gustos de cadaquén; os meus serían, entre moitos outros: “o calcio da linguaxe / aliméntame os ósos”; “bisneta que fala co sílex da madrugada”; “poñendo a lingua no punto exacto que manda a madre fonética”, “Vilarmao Vilarmao a rentes de ningún santo patrón na puta diocese da nada”; “metade flor de cerdeira / memoria cortada pola metade”, “falo co reverso do padal / a esencia da linguaxe”…,  e as razóns destas eleccións non sei ben en que alicerzalas.

     Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar aludindo ao concepto de impacto, pois hai moito disto na súa disposición e obxectivos, mais tamén cumpriría apuntar ao acaído da estrutura cuadripartita pola que se optou: “Cinsas”, o primeiro bloque, revela un testemuño dolorido, mais resistente e esperanzado contra a extinción das lembranzas, contra a ausencia e as ausencias. Declaracións de amor, talvez, polas orixes e por quen as simboliza -a nena, a nai, o pai, a bisavoa, o irmán, isto é, a estirpe: ese sistema linfático compartido-; polos espazos vivos na recordación que se “descalcifican” e nos que a fronteira entre a vida e a morte é case intanxible de maneira que logo de proxectalos no presente, na escrita, volvan adquirir vida; “Pedra”, o segundo apartado, aséntase nos ecos dun pasado inmemorial e partillado;  “Lava”, procura reflectir a instantaneidade de todo o que acadou e tocou e, por fin, “Rocha”, que retorna, se é que algún día a autora saíu dela, á exaltación da linguaxe erótica.

    Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar sinalando o universo telúrico que agora se comparte, o ímpeto libertario que o domina a súa escrita, o esforzo por construír un manual que se converte nunha orografía, honesta e intensa, de si mesma, daquilo substancial no que acredita.

      Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar referíndose a esa deusa campesiña que vai marcando os ritmos, revelada en oráculo, que nos advirte e informa, que chega a sentir como esa nena rara, que por veces ninguén entende, esa nena visionaria é quen bole nos reinos do “mecanismo da delicadeza”.

     Para falar deste Cráter de Olga Novo cumpriría se referir ás presenzas de Novoneyra, de Claudio Rodríguez Fer, de Carmen Blanco -quen prologa o volume-, de Emily Dickinson, da propia Rosalía de Castro, de Rilke e Gamoneda, de Luz Pozo, dun longo etcétera, pero talvez non sexa preciso pois este comentario vai longo de máis e só quería comezar a ser, isto é, convidar á lectura dun libro indispensable na poesía galega de hoxe. Toda unha regalía poder ler cousas así.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 3 Abril 2012 por en Crítica literaria,Poesía , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: