Biografía de Valentín Paz-Andrade e Antoloxía, por Xan Carballa

Xan Carballa

Biografía de Valentín Paz-Andrade

Galaxia, Vigo, 2012, 192 páxinas, 12  €

Valentín Paz-Andrade

Antoloxía (edición e limiar de Xan Carballa)

Galaxia, Vigo, 2012, 168 páxinas, 12 €

 

Devagar van chegando aos andeis das librarías os agardados e precisos libros que afondan nos diversos perfís biográficos e literarios que amosa unha personalidade como a de Valentín Paz-Andrade. Aos que, polo de agora, xa viron a luz da man de Tucho Calvo e mais Charo Portela, engádense arestora dous volumes editados por Galaxia, no seo da colección “Letras Galegas”, dos que se responsabiliza o xornalista Xan Carballa.

     O primeiro deles afonda na vertente biográfica de Paz-Andrade ofrecendo un resultado, ao meu ver, moi satisfactorio. Aplicando un criterio de carácter cronolóxico, o seu autor  – que xa entrevistara no seu día ao propio Paz-Andrade- vai afondando con rigor nos momentos e actividades máis relevantes que constitúen a súa vida e que van desde as súas orixes e contorno familiar ata o protagonismo que gozou no desenvolvemento da política, da literatura ou do mundo empresarial  e xornalístico do seu tempo, pois todos estes ámbitos magmatizarán o seu quefacer desde novo até os seus últimos días.

    O traballo de Xan Carballa, exposto nun estilo fluído e sintético, non cae na haxiografía e  sitúa sempre con efectividade o contexto en que Paz-Andrade se move. Ao meu ver, a solidez da entrega derívase do filtrado que realiza da gran cantidade de documentación coa que traballou e do axustado diálogo con outras achegas previas. Globalmente, talvez esta contribución se abeire, teño para min que á mantenta, a salientar o papel que o pontevedrés realizou nos ámbitos do xornalismo e da política, sen abandonar a relevancia do seu labor noutros ámbitos como o literario ou o empresarial. Penso que son especialmente atinadas as páxinas centradas en significar o labor que desenvolveu no xornal Galicia, como tamén resultan de elevado interese aquelas páxinas que recuperan cartas e artigos publicados por Paz-Andrade, en diversas épocas e de difícil acceso, pois transmiten de primeira man a opinión persoal deste sobre moitos asuntos, mesmo algúns espiñentos, como quen se achegue a estas páxinas poderá reparar. Algo semellante ocorre na análise da súa traxectoria política, incorporando moita información que provén de diversos epistolarios ou de conversas persoais de inestimable interese.

      Finalmente, Xan Carballa responsabilízase doutro volume titulado Antoloxía, no que opera cun criterio máis sintético no que se refire ao achegamento biográfico contido nunhas páxinas preliminares nas que concentra o que entendo como o máis preciso para entrar no universo Paz-Andrade. A este estudo previo séguelle unha extensa  escolma que recolle unha mostra daqueles asuntos máis significativos que foron ocupando a atención de Paz-Andrade e que van desde composicións poéticas dos seus tres libros publicados a poemas soltos e, no que á prosa se refire, incorpora textos publicados en diferentes soportes e circunstancias como son revistas, xornais ou mesmo discursos. Entre estes últimos permítome subliñar  a intervención titulada “Os libros, columna vertebral dunha cultura”, que se corresponde ao pregón lido por VPA na inauguración da Feira do Libro de Vigo, o 13 de xuño de 1983; del collo emprestadas catro liñas tan recomendables: “Falemos do que o libro representa como froito onde se combinan o pensamento, a sabedoría, a imaxinación, a información, a arte. Para min os libros considerados en conxunto, non son máis nin menos que a columna vertebral dunha cultura. Unha columna articulada e modelada pola lingua”.